- Alcoa importa bauxita de Guinea Conacri e fabrica alúmina e
aluminio empregando enormes cantidades de electricidade producida nas
Pontes queimando carbón importado de Thailandia. É a maior
consumidora de electricidade de Galicia, superando todo o consumo dos
particulares.
- Emprega de xeito directo a 1200 traballadores e outros 500
traballan en empresas auxiliares, constituíndo o núcleo máis
importante de emprego na Mariña e o 30% do PIB da provincia.
- O 40% dos seus custos de produción é consumo eléctrico, polo que
precisa prezos baixos da enerxía. Eses prezos vanse conseguindo a
través do pago por interrumpibilidade do servizo -que no caso
improbable de ser preciso en puntas de demanda, Alcoa pararía a
produción- que pagamos todas na nosa factura. Este outono haberá
unha nova puxa dos pagos por interrumpibilidade.
- Os efectos ambientais máis rechamantes son a xeración de lodos
vermellos que se acumulan nunha balsa de superficie similar á vila
de Viveiro que se espera quede chea no ano 2034; emisións de sosa ó
mar -segundo consta nun informe de auditoría interna filtrado ó
CEPESMA- e emisións aéreas de flúor que contaminan o chan -varias
sentencias impuxeron indemnizacións millonarias ós veciños. A
maiores das emisións de CO2 e SO2 da central das Pontes para darlle
a enerxía eléctica
- O mercado mundial do aluminio está a mudar, o consumo trasládase
de Europa ós países en crecemento e a presenza de Alcoa nun lugar
que nin ten bauxita nin ten carbón, cun marco ambiental restritivo,
unha regulación dos custes da enerxía a nivel comunitario, xunto co
feito da colmatación en 16 anos da balsa de lodos fai dubidosa cando
menos a viabilidade futura da fábrica.
- De feito, tralas ameazas de eres de anos pasados, agora Alcoa quere
vender as súas fábricas a fondos de investimento. Os traballadores
esperan que a compre o fondo Atlas Holding porque xa comprou dúas e
púxoas nas mans de xestores solventes.
- Alcoa é un exemplo de empresa ambientalmente inviable, e
economicamente dependente dos cartos públicos. No actual marco
normativo europeo (ambiental e de regulación da competencia) non
semella que teña futuro. En todo caso, non máis aló do 2034 cando
se encha a balsa de lodos.
- A importancia social e económica de Alcoa na Mariña é innegable
e resulta xustificable defender os dereitos dos seus traballadores.
Mesmo se pode argumentar que o prezo da enerxía en España é caro
debido ó oligopolio eléctrico e enerxético -cousa que é certa- e
que o sistema de fixación de prezos -puxas controladas polas mesmas
empresas- é moi cuestionable.
- Pero non debemos esquecer que a enorme importancia relativa de
Alcoa débese ó esmorecemento e esquecemento doutras actividades que
non recibiron a atención precisa polos sucesivos gobernos, coma:
- a turística -precisamos traballar nun plan comarcal análogo o da
Ribeira Sacra-
- á forestal -debemos diversificar a produción poñendo en valor a
madeira para construción (intensiva en man de obra) e empregando a
biomasa para calefacción, substituindo ó gasóleo e o gas por unha
enerxía autóctona e xeradora de man de obra local-,
- a pesca: precisamos unha diagnose do estado do ambiente
(desaparición das algas) e do recurso pesqueiro e marisqueiro no
noso litoral e traballar pola súa recuperación.
- lanzar novos sectores de futuro como a eólica -e en particular a
mini e microeólica- fomentando a investigación e formación e
desenvolvendo a regulación local destas instalacións na nosa
bisbarra.