Pensade na
responsabilidade ante os votantes e a importancia de manter a
ilusión.
Estes dous meses de
inferno mediático podemos desculpalos, pero agora o tempo de debate
interno rematou. A xente decidiu e toca seguir a dirección sinalada
polos 155.000 participantes. Tanto se gaña unha opción como se gaña
a outra, precisamos humildade para aceptar o resultado, confianza no
criterio da Asemblea en que o camiño elixido é (hoxe) o
mellor, responsabilidade para non transmitir frustración nin
incertezas, e solidariedade para poñerse a traballar na dirección
marcada.
Ós que non sexsn quen
de asumir o mandato de unidade e a dirección sinalada pola Asemblea,
hailles que pedir que se esforcen en irse botando ó lado pouco a pouco
e sen estridencias. Aínda que non se vexan hoxe con forzas de remar
nunha dirección que consideran errónea, seguen a coincidir no
obxectivo final do proceso. Pode ser que nalgúns meses esa mesma Asemblea
decida que a súa posición era máis axeitada, e tire deles para reorientar o
rumbo do barco.
Todos estamos a navegar
nun mar novo, e temos que estar abertos á discrepancia. Todos
queremos ir ó mesmo sitio, e só cando esteamos aló saberemos cal era o camiño bo. Ninguén pode asegurar que a opción que gañe hoxe marque o mellor camiño: simplemente será o primeiro que
ides probar. Humildade a todos, gañadores e perdedores, e moita
prudencia.
E unidade: cantos máis vaiades ós remos, antes
remataredes a viaxe. Os inimigos, e os amigos -de dentro e do resto de Europa-,
estamos a mirarvos. Algúns babean e frótan as mans agardando reproches, división e egoísmos.
Outros mantemos a esperanza na vosa intelixencia e xenerosidade.
Tócavos amosar grandeza de espírito, flexibilidade e convencemento
democrático.