sábado, 30 de junio de 2012

Converxencia?


Como pesan as mochilas....!

Un ano despois, de novo indignado.

Cando é a vindeira asemblea do 15M?

Do rescate de Alcoa

Chora don José Ramón Camino de Miguel, presidente de Alcoa España, pedindo ás nosas autoridades que se compadezan da multinacional e falen coas eléctricas, a ver se poden poñer para eles un prezo de amigo, baratiño, para que poidan competir nos mercados internacionais e así non pechar e botar á rúa aos seus traballadores o ano que ven.
O noso presidente xa está niso, e os líderes do PSdeG e do BNG aplauden o esforzo e piden se cabe maior dilixencia. Non se lles ten escoitado a estes políticos nada acerca do risco dunha balsa de lodos tóxicos máis grande que Viveiro, que haberá que coidar para sempre como herdanza na comarca cando Alcoa marche, nin dos escapes de sosa cáustica tralos que Alcoa pinta os coches dos veciños gratuitamente, nin das emisións de fluoruros ("iso non é contaminación", di nos medios o presidente da trasnacional) que enchen o chan e matan ás ovellas nas súas proximidades.
Todo é bo en Alcoa, non hai danos, non hai prexuízos, non hai riscos. Cómpre logo axudarlles para que non marchen: ímoslles poñer a electricidade barata, que xa pagamos nós o déficit tarifario, ímoslles construír un gasoduto para que aforren os cartos do fuel, e despois de darlles estas e outras subvencións ocultas, ímonos baixar o salario e os pantalóns se queren tamén, todo sexa porque se poidan manter os beneficios dos seus inversores.
Axudarllos sen pedirles garantía algunha, claro: nin mantemento do número de traballadores, nin mantemento dos seus salarios, nin da carga de traballo, nin da actividade no futuro, porque o mercado é volátil e nada é seguro. Axuda pública sen compromiso, que ese é o noso particular concepto do capitalismo, da iniciativa privada, da súa capacidade de xeración de riqueza e emprego. (Antes de ser Alcoa, a empresa era estatal, o seu beneficio era o noso, os sacrificios terían sentido).
Podemos subvencionar a actividade de Alcoa, como podemos axudar aos transportistas con gasóleo barato, ou dar axudas aos gandeiros, ou mesmo pagar as hipotecas dos cidadáns con dificultades. Claro que todos estes non teñen milleiros de traballadores secuestrados polos que esixir un rescate.
Ao final van marchar, porque a demanda en Europa cae, e traer a bauxita de Guinea para levar a produción a Asia ou América non sae a conta. Pero primeiro van mirar de ver até onde somos quen de baixar as nosas esixencias económicas, laborais e ambientais. Quizais se as homologamos coas de Guinea poidamos manter aquí Alcoa dez anos máis, pero é claro é que vai sendo hora de pensar no noso futuro industrial despois de Alcoa. Seica unha empresa estatal de enerxías renovables?



jueves, 14 de junio de 2012

Paridade

Onte tivemos un interesante acto de presentación do CxG en Mondoñedo. Máis de 3 horas falando (até que nos botaron, había quen tiña que pechar e ir durmir), cunha intensa participación dos asistentes na que ninguén preguntou de nacionalismo e galeguismo, senón de proxectos de futuro para a Mariña, de concrecións sobre a implementación da sustentabilidade, do reparto do emprego, da radicalidade democrática e da igualdade.
Boa parte das intervencións centráronse precisamente nese último aspecto, da problemática das cotas e da causa e a solución da baixa participación das mulleres na vida pública. Para min que hai tres posibilidades: non participan porque non poden, porque non queren ou porque nin poden nin queren.
A muller traballan na casa máis horas co home. Cada vez mais repártese ese traballo, pero mesmo nesas situacións, adoita ser ela que leva a organización: que se compra, que se come, cando se cambian as camas, cando se limpa a casa. Isto supón unha tarefa intelectual permanente que aínda non está repartida ao 50% e que reduce as posibilidades de dedicar tempo e esforzo á vida pública, especialmente no caso de existir fillos.
Cando a muller non traballa fóra da casa, a escaseza de contactos sociais e a inexistencia de horarios limitan tamén as súas posibilidades de participación. Obviamente nos casos dunha alta capacidade económica estes obstáculos poden desaparecer, e tamén hai casos singulares de de mulleres que cun esforzo persoal que conseguiron compatibilizar traballo, familia e participación política. Porén, cómpre acadar unha situación na que as mulleres políticas non teñan que ser nin heroínas nin aristócratas.
Pola outra banda, no acto de onte, ao que simplemente había que acudir como público, había só un 10% de mulleres. Coido que ese número reflicte tamén un afastamento da muller da política máis aló da imposibilidade de participar. Escoitáronse algunhas críticas: "Se non queren, non imos a obrigalas", "Custa moito que se metan nunha lista, e hai que deixar fóra a homes moi válidos" "Non estou de acordo coas cotas"... Eu prefiro velo desde outro ángulo: que estamos a facer mal para que as mulleres non se interesen pola política?
Pode ser que cando nós falamos de nacionalismo, elas falen do prezo dos alimentos. Cando falamos da lingua, elas falen da calidade do ensino. Cando falamos da prima de risco, elas falen da fame ou dos desaloxos. Cando nós falamos de esquerdas e dereitas, elas falen do prezo da faba. Pode ser que opinen que o debate político actual é aburrido e insubstancial. Pode ser que a maior parte da xuventude opine o mesmo.
O novo xeito de facer política non é que deba axudar ás mulleres (e aos xoves) a incorporarse á vida pública, é que necesita incorporar a súa visión pragmática desde o deseño mesmo do proxecto. Se non somos quen de atraelas cun discurso de transformación da realidade ao pé da rúa, baixando das nubes, das ideoloxías e das etiquetas, non imos ser quen de cambia-lo mundo da política. Probablemente sexamos nós quen mudemos e acabemos aparecendo nun coche oficial a ver ao noso cacique local e inaugurar un monumento ao fracaso do proxecto renovador.

sábado, 9 de junio de 2012

Liberdade para a nosa terra


Para a xente coma min, que aínda non cumpriu os 50 e que leva máis da metade da súa vida vivindo nun estado autonómico, seguir escoitando aquelo do pobo galego asoballado por Castela resulta un discurso antigo e pouco atrainte. Seguir a bota-las culpas dos nosos males a Madrid reflicte a nosa incapacidade de transformármonos nun pobo moderno, confrontar os nosos medos e vicios e vencer os nosas pantasmas particulares e idiosincráticas, verdadeira e principal barreira para o despegue de Galicia.
Hai quen di cas únicas guerras que poden ter sentido para quen nelas participa son as guerras civís. É unha barbaridade, pero dino porque nelas estoupan odios e envexas vellas entre veciños, entre xente que ben se coñece, ao contrario que nas guerras entre países, nas que morren soldados anónimos, obreiros contra obreiros polo interese económico ou político das súas elides nacionais. Analogamente, a opresión que eu detecto no meu contorno non é a de Madrid nin a de Bruxelas, senón a que se produce entre políticos e cidadáns, entre patróns e obreiros, entre, en fin, os nosos enxebres caciques e nós.
Por iso, cando desde o “Noso Proxecto Común” expliquemos a radicalidade democrática é esencial falar non só de como acadala na nosa organización, senón tamén (e prioritariamente) como levala aos nosos concellos, ao noso rural. Acadar a necesaria participación da veciñanza na xestión do común e eliminar a capacidade dos caciques locais de levar ao seu muíño a auga de todos esixirá máis que cambios normativos ou axudas para a posta en práctica de orzamentos participativos ou axendas XXI. Teremos que afiar a gadaña e cortar a tupida rede de influenzas entre alcaldes eternos, empresarios de éxito, políticos de longa carreira e altos cargos das administracións públicas.
Esa rede, que resistiu demasiado ben o paso do bipartito, é para min a rémora que afasta a chegada da emancipación da sociedade galega, a que vai comendo o alimento dun cooperativismo necesario, a que vai consumindo o osíxeno das iniciativas transformadoras, a que obriga ao fin á emigración dos máis inquedos, fosilizando a nosa sociedade e as nosas estruturas. Cómpre acabar con ela para liberar a beleza e a riqueza da nosa terra, para o seu goce por toda a sociedade.

martes, 5 de junio de 2012

Un agasallo envelenado

Cando fai décadas trouxemos o eucalipto desde Australia, non vivía aquí o gorgollo, porque non tiña que comer. Así o eucalipto medrou e estendeuse por toda a costa cantábrica como arde a pólvora.
Co tempo, algún erro ou accidente (aínda que tamén pódese pensar mal) trouxo o goníptero, que atopou unha masa de milleiros de quilómetros cadrados de comida intacta, polo que comezou unha extensión tamén explosiva. Ao igual que pasara décadas atrás co propio eucalipto, atopou unha zona ideal para medrar e non tiña inimigos nin competidores.
A estratexia intelixente é ir buscalos onde poden estar, e foimos a Australia de novo a atopar o Anaphes nitens, unha pequena avespa que parasita os ovos do gorgollo, impedindo o seu nacemento. O Anaphes está a comezar a estenderse polos nosos eucaliptais, sendo a estratexia máis intelixente, por gratuíta, descansada e non contaminante, para loitar contra o gorgollo: só haille que dar tempo. Isto é algo sabido e que non está en discusión: todos os expertos e a propia Xunta de Galicia din que a loita biolóxica co Anaphes é a estratexia óptima.
Pola súa parte, a fumigación con insecticidas dos montes é un xeito caro de loitar contra a praga: traballoso, perigoso para a saúde das persoas e contaminante para os regos e as leiras. Pode defenderse como axudas puntuais no caso de problemas severos de ataque do gorgollo en determinadas zonas, pero cómpre empregalas con sentidiño, sendo a regra principal para iso que non afecten á estratexia principal da "avespa".
 ¿E iso é posible? ¿Hai algún produto insecticida que permita controlar o gorgollo e non a mate á avespa? Haino, chámase "aceite de neem", e aínda que non é tan eficaz como o Cascade (70% fronte ao 90%), ataca ao gorgollo e non dana nin á avespa nin as abellas e outros insectos beneficiosos. Constitúe así a o complemento ideal para loitar contra o gorgollo naqueles puntos onde o Anaphes aínda non se teña estendido abondo e os danos nas árbores sexan importantes.
Por iso, botar un insecticida xenérico coma o Cascade, a maiores das graves implicacións para a saúde das persoas e do medio ambiente, supón deixar aos propietarios o ano que ven nas mans das empresas químicas: eliminada a avespa, só poderán loitar co gorgollo a base de mercar máis e máis insecticidas.
As fumigacións constitúen polo tanto un agasallo envelenado: o que este ano é gratis vánnolo cobrar con creces nos vindeiros cinco. Cómpre informarse antes de dar o permiso, é semella vergoñento que a propia Xunta non sexa a primeira en facelo, na defensa da saúde da veciñanza e do medio natural de todos, pero tamén do interese económico dos propietarios forestais.

lunes, 4 de junio de 2012

15M, un máster na universidade da vida

Onte xuntámonos o "equipo médico habitual" da asemblea do 15M Ribadense, neste caso coa etiqueta da Plataforma contra as fumigacións na Mariña. Quixo o azar que varios membros da mesma non puidesen vir, polo que estivemos as de sempre.
Partindo do tema dos eucaliptos, pasamos ao da gandería e da agricultura ecolóxica. Pouco a pouco imos coñecendo xente que traballa en sistemas alternativos aos convencionais, xente que vai andando o seu camiño e deixando un rastro polo que con máis ou menos gusto imos ir tod@s detrás.
Comezamos polas fumigacións, pero chegamos á gandería ecolóxica. Os debates teñen pasado da política de rúa a cuestións técnicas sobre os máis variados aspectos. Consciente do tema, propuxen seguir a estender as nosas actividades, paseniño (porque imos lonxe) a comprender os problemas do sector primario na mariña e buscar solucións. Para iso cómpre contactar non só coa xente que xa traballa nesas alternativas tecnicamente viables, tamén con todos os demais, que nos aprenderán dos outros problemas sociais e económicos que imposibilitan a necesaria transición. Todas estivemos de acordo.
A aprendizaxe que levamos ao longo deste ano, ao respecto do activismo social, da conxuntura económica e política, das alternativas de desenvolvemento na nosa comarca, fai del sen dúbida, ao menos no meu caso, o ano máis rico da miña vida.
Segue a haber xente que non o entende, xente que pensa mal, xente que non participa e xente que fai as tres cousas. Pero iso vai pasar sempre.
Desde aquí recomendo a todo o mundo, non por solidariedade senón por egoísmo, por interese persoal por aprender e crecer, achegarse á súa asemblea de barrio ou vila, escoitar primeiro, coñecer, aportar, participar. Nesta época na que precisamos formación acelerada cómpre aproveitar o primeiro máster gratuíto impartido pola "universidade da vida".