A nova destes días na esquerda galega é a decisión democrática de ANOVA de achegarse á candidatura ás Europeas que na Galiza propoñemos EU e Espazo Ecosocialista. Con iso xuntamos tres das catro patas de AGE, ficando fóra -polo de agora- Equo, que aínda está a decidir as súas alianzas.
Alédome, porque se algo trouxo o
experimento de Alternativa Galega de Esquerda foi a posibilidade de
coñecernos, de traballar xuntos e de confirmar o que suspeitabamos,
que compartimos un 90% da nosa ideoloxía. Pasar de ser cinco persoas
en cada partido a ser vinte coaligados, nunha comarca como a Mariña,
tivo como consecuencia directa ser 40 na nosa primeira xuntanza, ao
atraer a outras persoas que gustan de partillar e cooperar, e non de
grupos pechados de ideoloxía moi definida e incapaces de facelo.
Esta masa de simpatizantes da esquerda
fartos de visións pequenas, de forzas que non dan o paso de xuntarse
contra o poder económico que está a destruír a sociedade, saudou o
nacemento dunha cultura cooperativa na esquerda que prometeu
transparencia, traballo na rúa e abrir as portas do poder á xente.
Lamentablemente, todo iso está aída
por facer un ano despois das eleccións. Neste ano ficou craro que
aínda hai xente nas listas e nas estruturas que non comparten esa
visión. Prefiren ser máis verdes e democráticos que AGE que
traballar no seu seo para averdecela e facela transparente. Ser máis
de esquerdas que AGE que traballar nela para defender a quen máis o
precisa. Ser máis nacionalistas que AGE que reivindicar a defensa da
Galiza dende unha forza con maior capacidade de influencia.
Desde Espazo seguimos a reivindicar
AGE, e coas nosas tres almas, verde, nacional e de esquerdas,
queremos seguir amarrados a Equo, Anova e EU no convencemento de que
só xuntos, e sumando a quen máis se quera achegar a nós, podemos
mudar o futuro da Galiza. Se estamos xuntos cada día nas rúas, por
qué non traballar xuntos tamén nas diferentes institucións que nos
gobernan?
Se Equo fóra quen de dar o paso
xeneroso de achegarse tamén, de seguro facilitaría moito a decisión
de tantos que no século XXI opinamos que a esquerda non poderá ser
se non é verde e radicalmente democrática, e que non se pode ser
verde sen reivindicar unha sociedade xusta e igualitaria.
O resultado que podería acadar nas
Europeas unha formación que xuntase a toda a esquerda do Estado -e
incluíse no programa e nas listas as reivindicacións e os
representantes dos movementos sociais, que aportarían a lexitimidade
social da alternativa- sería un golpe na mesa da oligarquía
económica e política deste país.
Para dar ese paso todas as partes deben
ser xenerosas, ponderando as aportacións ideolóxicas, programáticas
e de lexitimidade social. A levadura é pouca se a comparamos coa
fariña no pan, pero sen ela non sobe: ás veces cousas que semellan
menores son ingredientes fundamentais. E para ben ser, a
representación debera decidirse polos potenciais votantes de xeito
aberto, para garantir que nas listas vaian persoas que crean na
cooperación política e a participación social.