O de funcionar a base de "ocurrencias" era a crítica permanente de Rajoy a Zapatero, e non estaba desencamiñado. Para conseguir o éxito das iniciativas fai falla facer unha diagnose, planificar unha estratexia acorde aos medios dispoñibles e deseñar a súa posta en marcha.
Por iso a nova hoxe publicada de rebaixar o custo dos seguros sociais dos mozos, sorprendente e sen negociación previa coñecida, ten todas as papeletas para ser unha máis desas "ocurrencias", sen garantía de dar o froito esperado ou mesmo coa capacidade de xerar máis dano que beneficio a día de hoxe.
Porque o problema que acontece agora na nosa contorna, e que están xa a ver chegar os veciños do norte levándoos con nós ao pozo, é o da falla de demanda. Nesta sociedade de consumo o motor gripa cando falla o consumo, e sen salario nin crédito, os brotes verdes non aparecen por ningures.
Por iso, a creación de nova actividade produtiva sen que exista un incremento da demanda só pode facerse a costa doutra actividade que terá que pechar. Os xoves que se poñan como autónomos poden ser máis competitivos ca outros que xa estean desenvolvendo a actividade. Tamén os empresarios que cada volta con máis frecuencia "contratan" autónomos van sentir a tentación de coller un menor de 30 anos a 50 € e botar a un maior, ou a outro mozo que xa estivera dado de alta antes de hoxe. Pero é pouco posible que a xente que non está a consumir hoxe comece a facelo mañá, se non é a costa doutros consumos.
Cal é logo a saída? Como crear emprego se o consumo non se relanza e isto é un xogo de suma cero onde se alguén mellora, outro empeora? Sempre se pode facer algo: podemos elixir quen vai empeorar. Podemos crear emprego restando os beneficios das grandes empresas multinacionais.
Un exemplo: mudar o consumo de gasóleo de calefacción (cartos para as transnacionais) por biomasa (cartos para empresas locais, xeradoras de demanda de man de obra no medio rural, e que reparte os cartos nos propietarios dos montes, na nosa proximidade). Podemos mudar o contrato coa nosa gran compañía eléctrica e asinar un novo cunha pequena comercializadora independente ou mesmo integrarnos nunha cooperativa enerxética como "Som Energía" que empregue enerxías renovables, xeradoras de emprego.
Mesmo poderíamos mudar o plan PIVE de fomento de compra de automóbiles e polo tanto de consumo de petróleo, por un plan de fomento de instalacións solares ou de biomasa, que non só crean máis emprego, senón que no longo prazo deixan máis cartos no peto do cidadán, que poden gastarse no local no canto de en combustible estranxeiro, creando aínda máis emprego.
Podemos mudar o sistema de xestionar os nosos residuos que nos obriga a transportalo todo á Coruña máis de 100 km, cun custo enorme, e con eses cartos facer plantas de compostaxe locais que transformen en compost o noso lixo orgánico (ollo, falamos de 500.000 €/ano nun concello de 10.000 almas).
En fin, que xa que non hai cartos novos, repensemos onde estamos a poñer os que temos: pode ser que atopemos novas ideas, novos camiños que nos axuden a aforrar, mellorar a nosa contorna e crear emprego todo á vez. Pero sentémonos a falalo, planifiquemos e debatamos. Deixemos xa no pasado as "ocurrencias".