martes, 8 de diciembre de 2020

A Pancha, unha moeda local?


O Concello de Ribadeo ten unha longa tradición de cooperación co potente sector comercial e hostaleiro, en tempos de crise e de bonanza tamén. As iniciativas de promoción levadas desde a oficina de desenvolvemento local ó longo destes anos foron reforzando o papel da nosa vila como capital comercial e de ocio dunha ampla comarca que vai desde Foz até Navia -abranguendo até Pontenova e Vegadeo polo sur- concellos que suman unha poboación de preto de 50.000 habitantes. Ribadeo é tamén un referente turístico a nivel estatal e mesmo internacional, como amosan os datos de visitas e ocupación que cada ano nos achegan os medios.

Lamentablemente, esta crise global da Covid-19 que nos obriga a limitar esa tradición tan arraigada de xuntarnos cos amigos e a familia nos bares -e impide a chegada de visitantes de fóra- ten unha pegada económica máis forte nos territorios que basean a súa economía no turismo e a hostalería. Así, países como España, comunidades autónomas como as mediterráneas ou vilas como Ribadeo sofren con máis forza a crise ca outras máis centradas no sector primario ou na industria, que seguen a traballar con certa normalidade. Nesta situación, recuperar as panchas e mesmo reforzalas nesta fin do 2020 é unha iniciativa máis de apoio ó sector comprensible e plausible.

En realidade as panchas veñen sendo unha subvención do 33% das compras que facemos nos locais participantes na iniciativa con cargo ó orzamento municipal. Pagamos 30€ e dannos 40 panchas, logo por cada 3 euros de gasto no comercio local temos outro con cargo ó orzamento público. A filosofía detrás desta iniciativa da administración local é mitigar (combater?) a tendencia global de mandar fóra de Ribadeo os cartos que ingresamos polo noso traballo ou pensión, engrosando as contas de grandes empresas multinacionais e os petos dos seus executivos.

Calquera de nos pode facer un sinxelo cálculo de onde manda os cartos que cobra cada mes. Cantos van a unha multinacional da distribución alimentaria, cantos a unha multinacional da enerxía, cantos a unha multinacional das telecomunicacións, cantos a unha multinacional do petróleo, cantos quedan no banco e cantos quedan en Ribadeo. Veremos que estes últimos son unha parte pequena. De todos eles, coa pancha facemos unha sorte de guerrilla ós hipermercados e a internet, parte non pequena do problema -queda para outro día a reflexión sobre como atallar o resto das fugas-.

As panchas anímannos a gastar localmente, porén, esas panchas recibidas pola hostalería e o comercio son intercambiadas por euros na oficina de Abanca e aí remata o conto (mesmo como na Cenicienta, hai unha hora tope, un día no que remata a experiencia). Pola outra banda, quen non ten cartos non pode adquirir panchas nin beneficiarse dese desconto. Pode considerarse esto unha moeda local? O obxectivo das moedas locais é fondamente social. Procuran a dinamización de toda a economía comunitaria facilitando o intercambio de produtos e servizos entre todos os membros da comunidade, entendendo que tod@s temos algo que achegar. Polo tanto, para poder considerar as panchas unha auténtica moeda local a participación e os seus beneficios deberan poder estenderse a toda a sociedade ribadense alén do comercio e da hostalería, fortalecendo e integrando a comunidade e diversificando a economía local.

Por exemplo, se foramos quen de incluír no proxecto ós provedores dese sector hostaleiro e comercial ás súas traballadoras, as relacións coa administración local e as súas empregadas, as asociacións de voluntariado e a súa labor, creando oportunidades para as persoas desempregadas, etc., mesmo poderían agromar novas iniciativas, reducirse a nosa dependencia do sector servicios, axudar a integrarse na economía social a quen non ten ingresos convencionais... En definitiva, para facer desta unha auténtica moeda local que dinamice e diversifique a nosa economía, e faga a Ribadeo máis resistente ante esta e as vindeiras crises, cómpre estudar a posibilidade de facer algunhas mudanzas no seu deseño, que poderían ser as seguintes ou outras diferentes:

- As panchas mantéñense en circulación indefinidamente.

- A maiores da compra, pódense obter panchas participando en programas de voluntariado social ou ambiental organizados polo Concello ou asociacións locais de interese social.

- O Concello e as empresas locais interesadas en dinamizar a economía local poden chegar a acordos voluntarios cos seus traballadores para pagar salarios parcialmente en panchas

- Poden conseguirse panchas participando nun banco de tempo local para intercambiar produtos (excedentes de produción das hortas, obxectos de segunda man, etc.) e servizos entre veciñ@s (“dou clases por x panchas”, “admito panchas como pago polas miñas mazás” ou “vendo a miña bici vella por x panchas”).

- O Concello podería admitir panchas para pagar os impostos ou taxas municipais, animando a máis comercios a integrarse na iniciativa e admitilas tamén como forma de pago.

En definitiva, unha auténtica moeda local ten un grande potencial de dinamización da economía, mais para iso as panchas precisan ir máis aló e implicar no seu deseño e implementación a boa parte da sociedade ribadense -a maiores de ACISA e do Concello-. É unha ferramenta que está ó noso dispor, que sempre estamos a tempo de poñer a camiñar e coa que podemos "salvarnos" a nós mesmas: por sorte vivimos nuhha terra privilexiada na que case temos todo canto precisamos para unha vida digna. “El milagro de Worgl”, película alemá do 2018 sobre un caso real na Austria de entreguerras, axudará a comprender o seu potencial -e tamén as dificultades da súa implementación-.