Quero escribir esta entrada antes de
comezar a lectura dos periódicos do día, que de seguro nas súas
edicións galegas incluirán as conclusións da asemblea constituínte
do NPC celebrada onte en Compostela.
Remataba o outro día cunha pregunta,
que tería que ofrecer unha forza política para que esa maioría
escéptica se animara a confiar neles. E é que certamente á crise
do sistema económico mundial, e á nosa particular, engádese unha
enorme crise do sistema democrático cunha desconfianza da
cidadanía na clase política que non deixa de medrar.
O clamor popular “no nos representan”
é sen dúbida o primeiro dos nosos problemas, xa que son os
políticos quen terían que argallar até acadar as solucións que nos
axuden a superar a actual emerxencia social que padecemos.
A incapacidade das forzas políticas
dominantes no espectro galego para auto-rexenerarse obriga aos
cidadáns inquedos a mobilizarse a través de movementos sociais de
denuncia e cooperación como o 15M, no cuxo seo teñen nacido sinerxía pola coalescencia de iniciativas antigas e novas que
vai tecendo unha rede na que a propia sociedade vai proverse de
ferramentas para evitar o colapso, unha rede ao fin de seguridade
para aqueles aos co sistema en quebra vai deixando caer.
A importancia desa rede que vai tomando
forma na neonada Cooperativa Integral Galega é crucial e merece todo
o apoio (animo desde aquí á integración nela de todos os galegos),
pero non quita da necesidade de recuperar a confianza nos nosos
políticos, mesmo con vistas a acadar o apoio das institucións estatais e
galegas a estas iniciativas cidadás.
Cómpre logo traballar tamén na
creación dunha nova maioría parlamentaria galega que antepoña un
programa común de rexeneración democrática como urxencia máxima ao
día de hoxe, na procura da desaparición en Galicia do “no nos
representan”. As diferencias organizativas, estruturais ou mesmo
ideolóxicas acerca do xeito máis acaido da transformación ou
rexeneración do sistema económico (sempre a prol dos intereses do 99%) non
deben frustrar o primeiro paso necesario de acadar a confianza cidadá
nunha nova clase política, que saiba renunciar a calquera
privilexio, que esixa unha retribución na media dos cidadáns, que
esixa así mesmo uns controis democráticos estritos e unha disciplina
severa fronte as desviacións de poder.
Acadada a rexeneración, renovada a
representación política, recuperada a confianza cidadá, será o
momento de comezar o camiño da transformación do sistema social e económico, cara á garantía dun sistema de benestar que sen dúbida temos capacidade de manter cunha viraxe cara ao incremento da xustiza e a igualdade.
Os bois: a
rexeneración democrática; o carro: a transformación do sistema
económico e social.