lunes, 18 de mayo de 2015

Utopía ribadense: O Ribadeo que pode ser


No manifesto de RiBadeo en común falamos de construir de xeito cooperativo un modelo de concello coherente e sustentable, económica, social e ambientalmente. Se o grupo de programa debe traballar para xerar propostas acordes ó manifesto, cómpre poñer negro sobre branco a idea que temos do que significan esas verbas. Aquí vai unha primeira achega.

A coherencia nas políticas do concello supón que o traballo que desde el se fai está dirixido de xeito global a acadar uns obxectivos. É dicir, que no canto de consistir nunha serie de actuacións independentes dirixidas a solventar necesidades ou poñer en marcha iniciativas puntuais, o noso traballo seguirá un plan integral -dinámico e acordado coa veciñanza- dirixido a transformar o Ribadeo actual no Ribadeo que queremos construír.

O Concello sustentable significa que ese modelo que queremos construír debe cumprir a condición de ser viable no tempo tanto social como ambientalmente. Non pode, por tanto, estar baseado en políticas que se esgoten en si mesmas, como o crecemento urbanístico ou turístico sen máis, en procesos produtivos que esgotan os nosos recursos ou se basean en recursos alleos, na degradación da contorna ou na alienación das persoas a través da explotación e a precariedade.

Cómpre logo, como paso previo áo deseño e aprobación de medidas, facer un debuxo do Ribadeo ó que imos, do destino da nosa viaxe. Só sabendo onde imos poderemos saber se progresamos ou non. Só sabendo como queremos vivir, que rural, que modelo turístico, que calidade ambiental, que relacións sociais, que saúde e cultura nos gustaría ter, poderemos coñecer, ano a ano, se estamos ou non a achegarnos a ese destino. Debuxo a continuación a miña particular Utopía ribadense.

Sociedade ribadense

As ribadenses somos persoas felices, capaces de gozar das festas e das bibliotecas, indo ó teatro ou escoitando á banda, tomando os viños ou en tertulias de café, facendo deporte ou de copas coas amigas.

As ribadenses son xentes solidarias cas súas veciñas de dentro e de fóra, queren e respectan ás súas maiores e traballan para que as xeracións futuras vivan, ó menos tan ben coma a súa.

A xente miúda recuperou as rúas, transita e xoga nelas sen perigo, e os seus pais gozan dunha liberdade maior ca nos anos pasados. Menos coches e máis bicicletas, con espazos preferentes para a súa mobilidade e aparcadoiros cubertos, xeran un ambiente máis limpo e saudable.

O Concello de Ribadeo é un exemplo de transparencia e participación. As xentes de Ribadeo están informadas e comprometidas coa mellora da súa vida, acuden ás asembleas veciñais para criticar e propóñer medidas que melloren o xeito de facer as cousas.

O programa de traballo, baseado no programa electoral, é aberto a modificación polos propios veciños. Os cargos políticos están suxeitos á revogabilidade a través dun procedemento regulado.

A cidadanía exixe ser informada e ten acceso a toda canta información solicita de xeito doado e rápido. Existe un sistema informático -baseado en software libre- ao servizo da trasmisión de información áxil á veciñanza, e á recepción das súas preguntas, suxestións e demandas.

Existen ferramentas de participación en todas as concellerías a través de comisións sectoriais que reunen a políticos, funcionarios e asociacións en xuntanzas ás que teñen acceso todos os veciños.

Os orzamentos se debaten públicamente e se presentan por territorios. Os veciños deciden o destino da parte dos cartos que non está comprometida (en salarios de persoal e outros custos fixos) a través de ferramentas de participación (p.e., asembleas -na vila e nas parroquias- nas que se presentan, debaten e deciden as actuacións e investimentos que se levarán a cabo en cada terriorio).

Servizos públicos

O Concello conta cun persoal elixido de xeito transparente de acordo co seu mérito e capacidade, sen lugar a amiguismos e corruptelas, que se afana polo servizo á súa veciñanza.

As xentes de Ribadeo conciben a saúde e a educación -máis aló de como servizos públicos básicos a defender- como o resultado das súas propias decisións: alimentación, actividade física, disfrute da lectura, da música, das artes, etc.

O centro de saúde conta co persoal preciso nun servizo ininterrumpido de 24 horas. O Hospital da Costa está ben comunicado a través dun horario de FEVE axeitado. A atención médica telefónica e telemática están maximizadas. Existen ferramentas de participación da cidadanía, tanto no deseño de programas globais cara á mellora da saúde coma na xestión da súa atención médica.

Os centros educativos contan cos recursos persoais e materiais precisos para desenvolver o seu importante cometido. Hai un compromiso da sociedade ribadense que vai máis aló da achega deses recursos, que inclúe tanto a participación da sociedade e a administración local na xestión dos centros, como a participación dos centros -estudantes, familias e docentes- na xestión do local: os centros están comprometidos na formación integral da cidadanía ribadense.

A atención aos maiores respecta á súa vontade, é inclusiva e forma parte da vida ribadense. Os maiores son parte da sociedade ribadense e contan tanto para recibir servizos como para achegar propostas. A súa experiencia é parte esencial da nosa cultura, e a súa memoria un ben a conservar. A sociedade ribadense está comprometida -máis aló de contar cos servizos de residencias e centros de día precisos- coa integración dos maiores na vida pública.

Non hai en Ribadeo poboación marxinal ou en risco de exclusión. Os programas de prevención funcionan axeitadamente co compromiso das administracións e de todos os ribadenses.

Economia

A economía de Ribadeo é sá e equilibrada. Os orzamentos municipais priorizan a xeración de emprego a través dun programa de compra pública local polo que se adquiren bens e servizos aos propios veciños aplicando criterios de proximidade e sustentabilidade, a maiores dos puramente económicos.

As persoas desempregadas teñen a opción de acceder a un programa no que a cambio do seu traballo en actividades de interese social reciben unha achega en moeda local que serve para comprar alimentos no comercio local, pagar impostos e servizos municipais ou o aluguer e gastos das vivendas protexidas.

Ribadeo extrae sustentablemente os recursos que precisa (agricultura, gandeiría, recursos forestais, canteiras, pesca, marisco, enerxía eólica e solar) sen contaminar a contorna e de xeito económicamente viable, abastecendo en boa medida as súas propias necesidades de alimento, enerxía e materiais de construción.

Con respecto ao ano 2015, a gandeiría de leite reduciu enormemente o seu peso: hoxe contamos cunha explotación por parroquia, que explota en rotación extensiva ecolóxica as pradeirías mediante sistemas de propiedade e traballo compartido. Coa metade de vacas e o 25% da produción do 2015, empregamos catro veces máis persoal e aínda saen as contas.

Os montes son máis diversos, mantendo espazos naturais nas vaguadas, nos cumios e nas ladeiras máis costas, e estando o resto adicado ao 50% ao eucalipto e o piñeiro para biomasa e construción.

A agricultura multiplicou por dez a súa superficie adicada á produción de alimentos, especialmente da horta e as froiteiras. Hai tamén pequenas empresas de produción de ovos, coellos e gando menor.

Grazas á recuperación da formación na Pedro Murias e á experiencia dos obradoiros veciñais de conservas e lácteos, Ribadeo conta hoxe cun sector secundario baseado na tranformación desa produción (produtos de madeira, industrias de envasado, conservas alimentarias). Os ciclos formativos en agroecoloxía e enerxías renovables axudaron tamén deron saída a novos profesionais e á aparición de pequenas empresas e cooperativas nestes eidos.

O sector da construción ten evolucionado cara á bioconstrución, a rehabilitación das edificacións cara á eficiencia enerxética, constituíndo un axente de cambio que recibe fondos públicos cun retorno económico a través do aforro enerxético e a sustentabilidade.

Ribadeo ten un sector servizos dinámico e moderno, baseado nun turismo que aproveita uns recursos ambientais ben conservados, dando traballo a pequenas empresas especializadas. A hostalería recupera e conserva os sabores típicos da nósa vila -dando saída aos alimentos producidos no nóso rural e litoral- e comparte o esforzo para recuperar á súa beleza. O comercio local, que tamén da saída ás producións locais, segue a ser o referente na nosa bisbarra, que está a recuperar poboación.

As empresas ribadenses, conscientes de que os traballadores e os clientes son as mesmas persoas, manteñen unhas condicións laborais -horarios e salarios- compatibles cun nivel de vida satisfactorio para toda a veciñanza.

Servizos básicos sostibles

Os servizos de luz, auga e telecomunicacións teñen unha calidade que satisface á veciñanza, que os emprega con mesura e paga por eles un prezo axeitado ó seu custe.

A traída de auga ten unha cualidade que fai innecesario mercar auga embotellada. Os veciños teñen instalados sistemas de aforro de auga e consumen menos cantidade de auga e enerxía ca onte. Os prezos son abondos para cubrir os custos, e proporcionais ó consumo en función do número de persoas empradroadas en cada vivenda.

O abastecemeto eléctrico ten unha cualidade homologable co do resto do país. Unha parte cada vez maior da enerxía é producida no propio concello de xeito renovable. O consumo do alumeado tense reducido moito grazas a medidas de eficiencia e aforro implementadas de acordo cos veciños.

O programa de mellora do illamento das vivendas ten progresado moito, polo que o consumo enerxético da veciñanza diminuíu. Eses cartos nos nosos petos repercuten na mellora da economía local. Unha parte creciente do calor procede da biomasa dos nosos montes, garantindo unha saída a prezo razoable á nosa produción de madeira -e mantendo o gasto en calefacción no circuíto económico local-.

O volume de lixo xerado diminuíu ostensiblemente. A fracción orgánica é compostada en proximidade para producir fertilizante, e crea 10 postos de traballo. Debido á redución no custe de xestión, centos de milleiros de euros afórranse cada ano, destinándose a outras finalidades decididas polos propios veciños.

Espazos naturais

A sociedade ribadense fai un uso moderado dos recursos de que dispón, consciente de que teñen que durar para sempre. Non pecha os ollos aos procesos de degradación e contaminación do medio: lembra as riquezas que existían no pasado e traballa pola súa recuperación.

Os ríos e regos son corredores ecolóxicos que conectan as zonas naturais dos cumios co litoral. Algunas das ribeiras mellor conservadas teñen sendeiros sinalizados, e volve a pescarse a troita neles. Os veciños aproveitan a madeira das ribeiras de acordo co criterio da gardeiría fluvial baixo a supervisión do Concello.

A ría mantén a riqueza ornitolóxica que levou á súa protección, e recuperou a riqueza pesqueira e marisqueira, que son aproveitadas de xeito equilibrado e sostible. Non recibe verquidos contaminantes e nas súas marxes medra un bosque diverso de especies autóctonas atravesado por unha senda salpicada de observatorios para as aves en puntos estratéxicos.
 
O litoral protexido ribadense, libre de construcións, é un recurso turístico aproveitado de xeito compatible coa súa conservación. Surcado por roteiros ben sinalizados, permite aos usuarios disfrutar dunha paisaxe que combina a natureza cos aproveitamentos económicos permitidos. As edificacións discordantes teñen sido eliminadas, as compatibles rehabilitadas e os espazos degradados recuperados. Outros espazos naturais e patrimoniais -fragas, castros, etc.- teñen sido inventariados, sinalizados e protexidos, tras chegar a acordos cos seus propietarios.


Que vos parece? Como vedes, hai un futuro posible ao que achegarse. Sen prisas, sen pausas, cómpre poñerse a traballar canto antes. Traballando, cooperando, construíndo, en Común.