sábado, 13 de diciembre de 2014

Tempo de medrar


Imos na procura dun novo xeito de gobernarmos, na que os cidadáns teñamos acceso á información sobre calquera aspecto do noso interese, sexamos consultados, decidamos. Que sexamos, en fin, tratados como adultos capaces.

Hoxe as persoas máis novas acceden en masa á educación, e rara será aquela que non teña escoitado que non nos debe valer a explicación primeira das cousas, nin a escura, nin menos a ausencia dela: as persoas debemos ter conciencia crítica. Porén, nunha terra tan castigada pola emigración da mocidade -especialmente da mellor preparada e activa- aínda é maioría a cidadanía que medrou en tempos nos que a crítica non era un valor a promover: cantas veces a persoa que levantou a testa, perdeuna! Tal vez por iso é tan común aínda esa actitude resignada do “é o que hai e non lle hai que facer” que tan ben vai a quen saca proveito da nosa parálise.

Por esa senda chegamos onde hoxe estamos: pouco facer e moito queixarnos do mal que van as cousas. Botarlle as culpas aos gobernos -de Madrid, de Santiago, do Concello- e protestar nos bares polo desemprego, pola mala calidade das traídas da luz e da auga, polo baixo prezo da madeira e o leite, pola suba do lixo e o IBI, pola corrupción e os enchufes que nos rouban os cartos públicos... A queixarnos, en fin, e a esperar. A esperar que veña alguén a sacarnos as castañas do lume, a darnos un emprego -mesmo mal pagado e temporal-, a mudar o noso escuro e incerto futuro. Alguén que saiba máis ca nós, que sexa máis forte e intelixente, máis honrado e bo, alguén mellor, un líder, un xefe, un pai.

Non esperemos máis: demos un paso adiante, é hora de inaugurar un tempo novo.

Un tempo no que nós decidamos sobre o noso, sen hipotecas nin medos. Para pensar sobre o que queremos ser e o que non, sobre os traballos sempre adiados e nunca feitos, sobre os recursos mal xestionados ou en completo abandono, sobre a viabilidade cara ao futuro das nosas actividades económicas, sobre o estado do patrimonio común e a súa xestión. Tempo para reflexionar como pobo adulto sobre os nosos comportamentos -as virtudes e os vicios-, o noso lecer e o noso loitar, sobre a nosa formación e a nosa saúde, sobre os recursos e servizos que precisamos ou queremos, sobre as nosas prioridades, en fin, en todos os eidos.

Tempo de transparencia nos datos e nos feitos, de coñecer e participar, de decidir xuntos e asumir xuntos as decisións tomadas.

Chegado é o tempo, en fin, de medrar: tempo da cidadanía adulta, informada, crítica e responsable. Tempo de construír unha nova Ribadeo entre todos, xuntos, en común.