Como non vou entender a quen se indigna
porque o asasino do seu pai saia libre, aínda que saia libre tralo
cumprimento de vintecinco anos de cadea! Se me cabreo inda eu, que
nin me matou nin me feríu! Comprendo a súa dor e tamén a
necesidade de reparación, de recoñecemento da culpa, de pago da
débeda.
Comprendo mesmo a tentación da
vinganza. Cómo non vou comprender a quen se ve tentado de tomarse a
xustiza pola súa man trala morte da súa filla violada, do seu pai
asasinado, da súa familia bombardeada? É moi humán, estragado pola
dor da perda, coller unha pedra, un coitelo, unha pistola, un cinto
explosivo, e buscar a vinganza.
Afortunadamente, case sempre hai
arredor xente que nos acompaña, nos axuda a recapacitar, nos fai ver
que ese camiño non leva a ningures. Hai exemplos abondos do seu
fracaso: Eta e o GAL, Israel e Palestina, as guerras de Oriente Medio
e o terrorismo islamita...
Cómpre buscar o camiño alternativo: a
comunicación, o recoñecemento da culpa, o arrepentimento e a
procura da reparación do dano causado ne medida que se poida, cun
obxectivo xeneroso e ben definido: que os nosos fillos non vivan a
mesma dor ca nós, que todo acabe aquí, que o conflicto non perdure
no tempo.
Esa é a victoria de todos.
Dende logo, para iso, primeiro ten que
haber xustiza. E o certo é que de todos os comentados, só no caso
das vítimas de ETA a houbo. Nunca abondará para elas -lóxico-,
pero se miran ás outras vítimas no noso país e no resto do mundo,
ao menos terán o consuelo de que elas, aínda que tarde, foron
recoñecidas, defendidas, axudadas e homenaxeadas.
Outras aínda andan polas cunetas.