Estes leves incrementos do PIB, xunto coa suba do IBEX, son coma o pano e a lámpada máxica que xuntos fan xurdir o xenio de Montoro, que aparece, un e trino, con Guindos e Rajoy, a traernos e levar polo mundo adiante a boa nova da chegada da recuperación económica ao noso país.
Antes que nada, dicir que espero que sexa así, que non serei eu quen desexe males maiores á economía dos que xa temos. Porén, non é esa perspectiva de trazo groso a economía que me interesa.
O feito de que suba o PIB polo incremento das exportacións, debido á que os salarios baixan, é bo para as empresas exportadoras, pero a costa dos seus traballadores. Que suba o IBEX, a valoración desas empresas, é consecuencia do mesmo, xa que as empresas do IBEX son precisamente as grandes empresas que venden fóra.
Polo tanto, o incremento das súas vendas resulta do incremento da súa competitividade debido á redución dos seus custos laborais. En que nos vai repercutir isto?
1. Os accionistas e executivos destas empresas van mellorar a súa situación económica, e as súas SICAV engrosaran.
2. Os seus empregados van empeorar a súa situación económica, e reducir o seu consumo levando ao peche a máis PEMES, que son as que xeran o 80% do emprego.
O resultado xa o estamos a ver: máis millonarios e máis pobres.
Nos anos 50 había economistas que defendían que a existencia de ricos era boa porque investían, xeraban riqueza e a riqueza ía filtrándose cara as capas máis desfavorecidas da sociedade. Lamentablemente, fai xa varios lustros que esa teoría está desbotada pola experiencia.
A desigualdade frea o desenvolvemento social e económico, mentres que a redución da pobreza, a educación e a saúde mellórano. Dubido moito que eses brotes verdes sexan para todos. Sospeito que son coma aqueles brotes de soia de Xermania, que estaban cheos de e-coli. De merda, vamos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario