Onte celebramos o primeiro Foro local da Alternativa Galega de Esquerda en Ribadeo. Xuntámonos 15 persoas con ganas de facer algo novo, e con pouca idea de como facelo. Os camiños novos son así, fanse ao andar. Os outros, os que xa existen, xa foron camiñados, xa chegaron onde chegaron e sabemos que iso non nos vale. Cómpre logo rozar terreos descoñecidos, pisar a herba fresca e abrir os ollos a ver onde nos levan os pés.
Na primeira parte da xuntanza falamos aqueles que levamos tempo lendo e escribindo da política, apoiando ou criticando as iniciativas doutros, repetindo palabras vellas ditas de xeitos novos. Afortunadamente, a figura de Beiras e a nosa discreta participación nas iniciativas sociais de xente máis comprometida coa realidade ten atraído a AGE a persoas que son quen de rachar o noso decorado, de levantar as nosas alfombras e deixarnos espidos ante a distancia coa que vemos a realidade tráxica que vive a metade desta sociedade, eses a quen queremos representar e cuxa falla de participación no teatro da política tanto nos indigna.
Se algunha oportunidade ten este proxecto de facer algo realmente diferente, de abrir un camiño novo, virá probablemente da orientación destas persoas excepcionais que son quen de sacar forzas de quen sabe onde para despois de traballar doce horas ao día seis días á semana ser quen de empregar o sétimo en preocuparse do ben común e da mellora da vida dos seus semellantes.
Da reflexión tralo visto e escoitado onte xórdenme varias preguntas:
O noso obxectivo é transformar a sociedade, mudar este sistema inxusto e as políticas que o mesmo impón, que asoballan aos máis débiles e incrementan as desigualdades. Na nosa campaña defendemos a necesidade de cambiar ao goberno para transformar a sociedade, pero cómpre realmente cambiar o goberno para transformar a sociedade? Ou pode ser que sexa preciso, ao revés, mudar a sociedade para cambiar o goberno? Se o goberno é o reflexo da sociedade, se a xente vota a quen pensa coma ela, pode ser que o noso traballo sexa traballar directamente na transformación da sociedade e esquecer os obxectivos electorais, que virán sós unha vez que academos a transformación social.
Debe entón a nova esquerda facer mítines e manifestos, programas e estratexias, ou debe traballar da man das organizacións que atenden a estas realidades, e só desde ese coñecemento e trato directo coa realidade xerar as propostas transformadoras? Basta unha xuntanza cos traballadores sociais, ou con quen da clases gratis aos nenos sen recursos, ou quen organiza un banco de alimentos, para facer un documento de propostas programáticas, ou é preciso traballar nesas iniciativas e recrutar alí, no fragor da batalla diaria pola supervivencia até mañá, ás persoas, salvadoras e superviventes, e as iniciativas liberadoras que merezan estar nas nosas listas e nos nosos programas?