martes, 25 de febrero de 2014

Construíndo a cooperativa política


A nova destes días na esquerda galega é a decisión democrática de ANOVA de achegarse á candidatura ás Europeas que na Galiza propoñemos EU e Espazo Ecosocialista. Con iso xuntamos tres das catro patas de AGE, ficando fóra -polo de agora- Equo, que aínda está a decidir as súas alianzas.

Alédome, porque se algo trouxo o experimento de Alternativa Galega de Esquerda foi a posibilidade de coñecernos, de traballar xuntos e de confirmar o que suspeitabamos, que compartimos un 90% da nosa ideoloxía. Pasar de ser cinco persoas en cada partido a ser vinte coaligados, nunha comarca como a Mariña, tivo como consecuencia directa ser 40 na nosa primeira xuntanza, ao atraer a outras persoas que gustan de partillar e cooperar, e non de grupos pechados de ideoloxía moi definida e incapaces de facelo.

Esta masa de simpatizantes da esquerda fartos de visións pequenas, de forzas que non dan o paso de xuntarse contra o poder económico que está a destruír a sociedade, saudou o nacemento dunha cultura cooperativa na esquerda que prometeu transparencia, traballo na rúa e abrir as portas do poder á xente.

Lamentablemente, todo iso está aída por facer un ano despois das eleccións. Neste ano ficou craro que aínda hai xente nas listas e nas estruturas que non comparten esa visión. Prefiren ser máis verdes e democráticos que AGE que traballar no seu seo para averdecela e facela transparente. Ser máis de esquerdas que AGE que traballar nela para defender a quen máis o precisa. Ser máis nacionalistas que AGE que reivindicar a defensa da Galiza dende unha forza con maior capacidade de influencia.

Desde Espazo seguimos a reivindicar AGE, e coas nosas tres almas, verde, nacional e de esquerdas, queremos seguir amarrados a Equo, Anova e EU no convencemento de que só xuntos, e sumando a quen máis se quera achegar a nós, podemos mudar o futuro da Galiza. Se estamos xuntos cada día nas rúas, por qué non traballar xuntos tamén nas diferentes institucións que nos gobernan?

Se Equo fóra quen de dar o paso xeneroso de achegarse tamén, de seguro facilitaría moito a decisión de tantos que no século XXI opinamos que a esquerda non poderá ser se non é verde e radicalmente democrática, e que non se pode ser verde sen reivindicar unha sociedade xusta e igualitaria.

O resultado que podería acadar nas Europeas unha formación que xuntase a toda a esquerda do Estado -e incluíse no programa e nas listas as reivindicacións e os representantes dos movementos sociais, que aportarían a lexitimidade social da alternativa- sería un golpe na mesa da oligarquía económica e política deste país.

Para dar ese paso todas as partes deben ser xenerosas, ponderando as aportacións ideolóxicas, programáticas e de lexitimidade social. A levadura é pouca se a comparamos coa fariña no pan, pero sen ela non sobe: ás veces cousas que semellan menores son ingredientes fundamentais. E para ben ser, a representación debera decidirse polos potenciais votantes de xeito aberto, para garantir que nas listas vaian persoas que crean na cooperación política e a participación social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario