sábado, 15 de marzo de 2014

Da lealdade e o transfuguismo

Cando votamos, facémolo por unha persoa que vai na lista dun partido que presenta un programa electoral. Pero o facemos pola persoa, polo partido ou polo programa electoral? Ás veces hai unha relación persoal co candidato, sobre todo nos concellos pequenos, Outras veces votamos movidos por unha promesa electorai, por un programa de medidas que semellan ser as mellores para nós, ou para a sociedade. E moitas veces votamos a un partido, independentemente do candidato ou das medidas que leve no programa, ao manter un vencello sentimental co “noso” partido, similar ao que podemos ter cun clube de fútbol.

Na sociedade democracia participativa, madura e responsable que estamos a construír, o perfil dominante terá que ser o segundo deles: persoas conscientes que deseñan as normas e as accións que rexerán o seu futuro, e non xentes na procura dun líder carismático, nin seguidores dunha ideoloxía dispostos a asumir sen críticas os designios dos dirixentes.

En función dos motivos do votante, o representante poderá traizoar a confianza nel depositada:
  1. Marchando e deixando outro no seu lugar, traizoando a confianza daqueles que votaron movidos por unha empatía persoal.
  2. Mantendo o seu posto e deixando o partido polo que foi elixido, traizoando a aqueles votantes que teñen unha ligazón sentimental con ese partido.
  3. Mantendo o posto e o partido pero incumprindo o programa electoral co que foi elixido. Neste caso a traizón é a quen votou movido por unhas propostas que non se cumpriron.
Obviamente pode tamén incumprir dúas ou as tres condicións. Todas as posibilidades son legais e seguramente case todas se teñen dado ao longo destes 35 anos de democracia, pero delas só se pon o acento nunha: a do tránsfuga, que queda co escano e escapa da disciplina do seu partido. A partitocracia na que vivimos gusta de poñer alí o acento; porén, o feito de que moitas veces os alcaldes tránsfugas acaden vitorias electorais con partidos personalistas reflicte que a traizón foi máis ao partido que ao votante.

Na sociedade madura e participativa pola que queremos traballar, de persoas que constrúen participativamente un proxecto, a traizón máis grande é precisamente o incumprimento do programa electoral. Cómpre logo deseñar normas que promovan o debate durante a campaña das ideas e propostas contidas nos programas, de xeito que a xente se vexa movida a votar en función das propostas. Pero tamen temos que artellar ferramentas de transparencia que faciliten o seguimento do cumprimento dos compromisos, e mesmo pór en marcha sistemas que permetan botar a quen traizoa aos electores, por exemplo cunha consulta cidadá a metade da lexislatura.

Unha análise máis: que debe facer un concelleiro, ou deputado raso, cando o goberno do seu partido decida incumprir o programa? Obviamente vése na obriga de elixir entre defender o programa ou seguir no partido. Na democracia conciente e participativa ese representante deberá optar sempre antes polo programa que polo partido: o transfuguismo para defender o contrato coa cidadanía estará xustificado.



No hay comentarios:

Publicar un comentario