Teño para min que
o desinterese da cidadanía pola política non é debido ás elevadas taxas de corrupción
senón ao aburrimento. Un aburrimento mortal de escoitar aos políticos falando
deles mesmos, do que fan e non fan os outros, a quen corresponden as medallas,
das culpas e as desculpas de todos eles. Aquí levamos anos poñendo no centro do
debate saber que administración externa (Deputación, Xunta ou Estado, en
función do seu cor político) inviste máis na nosa bisbarra. Coma se os cartos
non foran todos nosos. Ao final conseguiron entre todos que a xente pense que a
política é iso, políticos falando dos políticos.
Non é certo. Peonalizar
as rúas ou facer aparcadoiros no centro, compostar ou queimar o lixo, xestionar
a limpeza viaria desde o público ou privatizala, incluír a catequesis ou optar
pola laicidade no ensino, priorizar entre a chegada do AVE e o mantemento do persoal
sanitario ou docente, entre ampliar os aeroportos ou incrementar a cobertura da
lei da dependencia, entre fomentar o aforro de auga ou construír unha traída nova,
decidir que se pode facer ou non nas Catedrais ou cómo é a residencia de anciáns
que precisa Ribadeo, son todas elas decisións políticas que por suposto interesan,
e moito, á cidadanía.
Á xente
interésanos a política. A de verdade. Outra cousa é se os políticos teñen algún
interese en que a xente saiba, fale e participe nese tipo de decisións. Vendo o
que lles custa pór en marcha as ferramentas que permitan a nosa participación, semella
que mellor prefiren seguir decidindo todo eles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario