Supoño que aqueles que nun momento dado decidimos saír da casa e participar activamente na vida pública, haberá unha maioría que comezamos nas asociacións veciñais, levados por preocupacións sobre temas concretos, locais: unha obra, un problema ambiental, a defensa dalgún dereito... Alí fomos tendo acceso a información, comprendendo que os problemas ás veces veñen de máis lonxe, e implicándonos cada vez máis na procura de solucións xerais a través de ONGs ambientais ou sociais até chegar, ás veces, aos partidos políticos.
Entre quen demos no seu día ese paso,
os que participamos nas asociacións culturais, veciñais ou
políticas en sentido amplo, e que asistimos con certa asiduidade aos
actos convocados por elas, hai unha frase recorrente: “sempre
estamos os mesmos!”. É lóxico: os que compartimos as mesmas
inquedanzas sociais, políticas e culturais imos seguir a vernos
sempre nos actos públicos asociados a elas.
A cousa é que, as veces, aparecen
colectivos novos, abertos, sen ideoloxía, sen tradición, que poden
ir cara a onde os seus participantes decidan. Ao primeiro somos unha
morea de xente... e ao final, sempre quedamos os mesmos!
Para iso teño escoitado varias
explicacións. Por unha banda, non todas as persoas contamos coa
mesma dispoñibilidade de tempo para dedicarlle á participación no
público, por razóns laborais e familiares. Tamén hai outras que,
aínda que teñen tempo, non amosan interese en participar, ás veces
por non ter abonda información, outras por non ter confianza nos
resultados que esa participación (que supón un esforzo) vai levar.
Nisto ten bastante que ver a actitude das administracións ante as
iniciativas cidadás.
Pero sexamos críticos tamén con nós.
Quen xa formamos parte dun proxecto de ideoloxía definida (partido
político, sindicato, ONG) debemos ser coidadosos cando -no exercicio
da nosa liberdade persoal- nos implicamos noutro proxecto que non a
ten: faremos ben en evitar o protagonismo persoal e a repetición do
discurso ideolóxico. Ás veces as persoas que se achegan a un
proxecto novo -quizais na súa primeira vez, na procura de solucións
a un problema persoal, local ou ambiental- atopan nel as mesmas caras
e os mesmos discursos que noutras iniciativas xa existentes.
Se algúns -eu o primeiro- imos a todas
partes -especialmente se imos en grupo!- co noso discurso político e
tomamos o protagonismo, e mesmo defendémolo como “filosofía”
das asociacións culturais e veciñais nas que participamos, moi
probablemente imos mandar a casa a veciños que tiñan feito o
esforzo de saír dela. E acabaremos sendo “os mesmos de sempre”,
e -isto é o peor- perdendo a ocasión de enriquecer o noso
pensamento coas achegas de nova xente.
Non sei se tildar a entrada de realista (que o é) ou optimista (que tamén, en certo senso) ou pesimista (tamén). Coido que o que mellor lle ven quizáis sexa descriptiva ... A solución?
ResponderEliminarAi!! Quen o sabe? Eu teño intención de seguir a asistir, pero escoitando cada vez máis e falando cada vez menos... e ao falar, suxerir, dar pé ao debate máis que expoñer "a miña" solución, que o grupo quen vaia cara a diante -onde sexa quen de ir polo seu propio pulo-. Sen participación non iremos a ningunha parte, así que acadala debe ser polo de agora un obxectivo en si mesmo. O que digo é que cando a veciñanza se xunta para o que sexa, non ir alá, falar de máis e mandar a xente para casa ;D. Aínda estamos a construír a ferramenta que imos precisar.
ResponderEliminar