Ao parecer queren volver ás súas orixes, e falan moito de laicidade -a boas horas- pero pouco da
economía, de feito que da conferencia política non saíron receitas para saír
da crise.
Agora estamos a probar as que defende a
dereita neoliberal, que consiste en que os gobernos deixan facer aos
donos do diñeiro, que eles saben mellor como van as cousas da
economía. A proposta destes é que se baixamos abondamente os nosos
salarios e dereitos, e mesmo as garantías ambientais, poderemos
producir máis baratos mesmo que os chineses, e poderemos venderlles
a eles os nosos produtos. As súas fábricas pecharán e virán aquí
a producir, onde todos teremos traballo, aínda que seguramente non
como pensabamos que sería, pero menos es nada.
Véxolle algúns problemas a esta visión: Cando traballemos coma os chineses, que farán nos países onde
os traballadores fiquen parados? Que propoñen estes economistas para
solucionarlles o problema? Que baixen entón os seus salarios por
debaixo dos nosos? Onde nos leva esta estratexia?
Outra cuestión é como resolve
este modelo os problemas derivados do deterioro ambiental e como garante os recursos (alimentos, agua, enerxía) para todos os
habitantes do planeta no futuro, algo que non semella estar nas
axendas dos seus promotores.
A proposta do PSOE viña sendo a
socialdemócrata. Trataríase de que desde a política se puxeran
límites ás ambicións e esixencias dos donos do diñeiro, acoutando
os seus salarios e beneficios, poñéndolles impostos e taxas para
sacarlles parte dos cartos e repartilos á cidadanía a través de
servizos públicos, e establecendo condicións laborais que permitan
unha vida de cualidade razoable aos traballadores. Isto é, o que
chamabamos o “estado do benestar”.
Esta perspectiva ten tamén os seus problemas. O
primeiro é o ético, xa que hoxe todos somos conscientes de que esa
forma de funcionar estaba baseada na opresión do resto dos
habitantes do planeta a través de inxustas manobras do FMI, do
Banco Mundial e da OMC, que obrigaban aos seus gobernos a darlles aos
seus cidadáns a amarga menciña que nos están a dar agora a nós.
O segundo é que os partidos
socialdemócratas europeos foron asumindo nas últimas décadas os
conceptos económicos neoliberais dando prioridade á cultura da
competencia, déronlle ás ao capital e agora non son quen de
embridalo. A diferencia cos neoliberais é que aqueles
son convencidos, partes naturais da estrutura de poder do capital que
precisa controlar as decisións políticas, mentres que a
socialdemocracia foi asumindo os seus mandatos “porque non se pode facer
outra cousa”.
Así, o PSOE foi privatizando os sectores
estratéxicos de propiedade estatal, desaparecendo a banca pública,
e mesmo rematou incluíndo na Constitución a prioridade de
devolución da débeda internacional da banca cos orzamentos públicos
por sobre o financiamento dos servizos sociais, amosando a
claudicación da súa política tradicional ante o poder e os
intereses do gran capital sempre co discurso de que “non hai
alternativa”.
É claro que se as empresas que operan
nun país explotan aos seus traballadores, non respectan o dereito á
saúde dos seus cidadáns e permítense deteriorar a súa cualidade
ambiental, poden producir máis barato. Mentres non se limite o
dumping social e ambiental no comercio global, non existirá unha
competencia xusta. Dentro do discurso da socialdemocracia
é obrigado incluír a reforma da Organización Mundial do Comercio para
incluír estas limitacións, xunto coa taxación á mobilidade do
capital financeiro, recuperar a
banca pública ou a re-nacionalización dos sectores estratéxicos co
obxecto de garantir á cidadanía o acceso aos servizos básicos de
auga, enerxía, transporte, comunicacións, información, etc.
O PSOE fala do retorno ás súas
orixes, mais o trazo difuso das súas propostas non permite
identificar o espazo ideolóxico na que estas se localizan. Se fora o da
socialdemocracia, centrada ideoloxicamente -entre o “todo público”
do socialismo e o “todo privado” do liberalismo-, se ben non é en
absoluto antisistema, contería propostas que hoxe se
descualifican como propostas da “esquerda radical”. Pode
hoxe o PSOE recuperar e facer bandeira dun discurso ao que renunciou
fai trinta anos e que leva décadas desprezando? Pode volver a un
espazo -o da socialdemocracia- que hoxe está placidamente ocupado
polos antigos comunistas? E se non pode, que bandeira vai levar o líder que saia das súas primarias?
No hay comentarios:
Publicar un comentario