Cando fai décadas trouxemos o eucalipto desde Australia, non vivía aquí o gorgollo, porque non tiña que comer. Así o eucalipto medrou e estendeuse por toda a costa cantábrica como arde a pólvora.
Co tempo, algún erro ou accidente (aínda que tamén pódese pensar mal) trouxo o goníptero, que atopou unha masa de milleiros de quilómetros cadrados de comida intacta, polo que comezou unha extensión tamén explosiva. Ao igual que pasara décadas atrás co propio eucalipto, atopou unha zona ideal para medrar e non tiña inimigos nin competidores.
A estratexia intelixente é ir buscalos onde poden estar, e foimos a Australia de novo a atopar o Anaphes nitens, unha pequena avespa que parasita os ovos do gorgollo, impedindo o seu nacemento. O Anaphes está a comezar a estenderse polos nosos eucaliptais, sendo a estratexia máis intelixente, por gratuíta, descansada e non contaminante, para loitar contra o gorgollo: só haille que dar tempo. Isto é algo sabido e que non está en discusión: todos os expertos e a propia Xunta de Galicia din que a loita biolóxica co Anaphes é a estratexia óptima.
Pola súa parte, a fumigación con insecticidas dos montes é un xeito caro de loitar contra a praga: traballoso, perigoso para a
saúde das persoas e contaminante para os regos e as leiras. Pode defenderse como axudas puntuais no caso de problemas severos de ataque do gorgollo en determinadas zonas, pero cómpre empregalas con sentidiño, sendo a regra principal para iso que non afecten á estratexia principal da "avespa".
¿E iso é posible? ¿Hai algún produto insecticida que permita controlar o gorgollo e non a mate á avespa? Haino, chámase "aceite de neem", e aínda que non é tan eficaz como o Cascade (70% fronte ao 90%), ataca ao gorgollo e non dana nin á avespa nin as abellas e outros insectos beneficiosos. Constitúe así a o complemento ideal para loitar contra o gorgollo naqueles puntos onde o Anaphes aínda non se teña estendido abondo e os danos nas árbores sexan importantes.
Por iso, botar un insecticida xenérico coma o Cascade, a maiores das graves implicacións para a saúde das persoas e do medio ambiente, supón deixar aos propietarios o ano que ven nas mans das empresas químicas: eliminada a avespa, só poderán loitar co gorgollo a base de mercar máis e máis insecticidas.
As fumigacións constitúen polo tanto un agasallo envelenado: o que este ano é gratis vánnolo cobrar con creces nos vindeiros cinco. Cómpre informarse antes de dar o permiso, é semella vergoñento que a propia Xunta non sexa a primeira en facelo, na defensa da saúde da veciñanza e do medio natural de todos, pero tamén do interese económico dos propietarios forestais.
Gracias por informarnos Iván. Nótase que sabes do que falas. Deixemos logo á avespa facer o seu traballo, e dende logo, minimizar todo o posible o uso dos insecticidas. E a ver tamén se non se xenera logo outro problema, porque tampouco sería a primeira vez que pasa que unha especie que se introduce para combater unha plaga, acábase convertendo ela mesma noutra plaga.
ResponderEliminarSaudos.
Cómpre investigalo! Non lin nada ao respecto, pero haberá que estar alerta por se o anaphes comeza a parasitar as postas doutras especies de insectos.
ResponderEliminarApertas!