Onte xuntámonos o "equipo médico habitual" da asemblea do 15M Ribadense, neste caso coa etiqueta da Plataforma contra as fumigacións na Mariña. Quixo o azar que varios membros da mesma non puidesen vir, polo que estivemos as de sempre.
Partindo do tema dos eucaliptos, pasamos ao da gandería e da agricultura ecolóxica. Pouco a pouco imos coñecendo xente que traballa en sistemas alternativos aos convencionais, xente que vai andando o seu camiño e deixando un rastro polo que con máis ou menos gusto imos ir tod@s detrás.
Comezamos polas fumigacións, pero chegamos á gandería ecolóxica. Os debates teñen pasado da política de rúa a cuestións técnicas sobre os máis variados aspectos. Consciente do tema, propuxen seguir a estender as nosas actividades, paseniño (porque imos lonxe) a comprender os problemas do sector primario na mariña e buscar solucións. Para iso cómpre contactar non só coa xente que xa traballa nesas alternativas tecnicamente viables, tamén con todos os demais, que nos aprenderán dos outros problemas sociais e económicos que imposibilitan a necesaria transición. Todas estivemos de acordo.
A aprendizaxe que levamos ao longo deste ano, ao respecto do activismo social, da conxuntura económica e política, das alternativas de desenvolvemento na nosa comarca, fai del sen dúbida, ao menos no meu caso, o ano máis rico da miña vida.
Segue a haber xente que non o entende, xente que pensa mal, xente que non participa e xente que fai as tres cousas. Pero iso vai pasar sempre.
Desde aquí recomendo a todo o mundo, non por solidariedade senón por egoísmo, por interese persoal por aprender e crecer, achegarse á súa asemblea de barrio ou vila, escoitar primeiro, coñecer, aportar, participar. Nesta época na que precisamos formación acelerada cómpre aproveitar o primeiro máster gratuíto impartido pola "universidade da vida".
No hay comentarios:
Publicar un comentario