sábado, 9 de junio de 2012

Liberdade para a nosa terra


Para a xente coma min, que aínda non cumpriu os 50 e que leva máis da metade da súa vida vivindo nun estado autonómico, seguir escoitando aquelo do pobo galego asoballado por Castela resulta un discurso antigo e pouco atrainte. Seguir a bota-las culpas dos nosos males a Madrid reflicte a nosa incapacidade de transformármonos nun pobo moderno, confrontar os nosos medos e vicios e vencer os nosas pantasmas particulares e idiosincráticas, verdadeira e principal barreira para o despegue de Galicia.
Hai quen di cas únicas guerras que poden ter sentido para quen nelas participa son as guerras civís. É unha barbaridade, pero dino porque nelas estoupan odios e envexas vellas entre veciños, entre xente que ben se coñece, ao contrario que nas guerras entre países, nas que morren soldados anónimos, obreiros contra obreiros polo interese económico ou político das súas elides nacionais. Analogamente, a opresión que eu detecto no meu contorno non é a de Madrid nin a de Bruxelas, senón a que se produce entre políticos e cidadáns, entre patróns e obreiros, entre, en fin, os nosos enxebres caciques e nós.
Por iso, cando desde o “Noso Proxecto Común” expliquemos a radicalidade democrática é esencial falar non só de como acadala na nosa organización, senón tamén (e prioritariamente) como levala aos nosos concellos, ao noso rural. Acadar a necesaria participación da veciñanza na xestión do común e eliminar a capacidade dos caciques locais de levar ao seu muíño a auga de todos esixirá máis que cambios normativos ou axudas para a posta en práctica de orzamentos participativos ou axendas XXI. Teremos que afiar a gadaña e cortar a tupida rede de influenzas entre alcaldes eternos, empresarios de éxito, políticos de longa carreira e altos cargos das administracións públicas.
Esa rede, que resistiu demasiado ben o paso do bipartito, é para min a rémora que afasta a chegada da emancipación da sociedade galega, a que vai comendo o alimento dun cooperativismo necesario, a que vai consumindo o osíxeno das iniciativas transformadoras, a que obriga ao fin á emigración dos máis inquedos, fosilizando a nosa sociedade e as nosas estruturas. Cómpre acabar con ela para liberar a beleza e a riqueza da nosa terra, para o seu goce por toda a sociedade.

2 comentarios: