sábado, 30 de junio de 2012

Do rescate de Alcoa

Chora don José Ramón Camino de Miguel, presidente de Alcoa España, pedindo ás nosas autoridades que se compadezan da multinacional e falen coas eléctricas, a ver se poden poñer para eles un prezo de amigo, baratiño, para que poidan competir nos mercados internacionais e así non pechar e botar á rúa aos seus traballadores o ano que ven.
O noso presidente xa está niso, e os líderes do PSdeG e do BNG aplauden o esforzo e piden se cabe maior dilixencia. Non se lles ten escoitado a estes políticos nada acerca do risco dunha balsa de lodos tóxicos máis grande que Viveiro, que haberá que coidar para sempre como herdanza na comarca cando Alcoa marche, nin dos escapes de sosa cáustica tralos que Alcoa pinta os coches dos veciños gratuitamente, nin das emisións de fluoruros ("iso non é contaminación", di nos medios o presidente da trasnacional) que enchen o chan e matan ás ovellas nas súas proximidades.
Todo é bo en Alcoa, non hai danos, non hai prexuízos, non hai riscos. Cómpre logo axudarlles para que non marchen: ímoslles poñer a electricidade barata, que xa pagamos nós o déficit tarifario, ímoslles construír un gasoduto para que aforren os cartos do fuel, e despois de darlles estas e outras subvencións ocultas, ímonos baixar o salario e os pantalóns se queren tamén, todo sexa porque se poidan manter os beneficios dos seus inversores.
Axudarllos sen pedirles garantía algunha, claro: nin mantemento do número de traballadores, nin mantemento dos seus salarios, nin da carga de traballo, nin da actividade no futuro, porque o mercado é volátil e nada é seguro. Axuda pública sen compromiso, que ese é o noso particular concepto do capitalismo, da iniciativa privada, da súa capacidade de xeración de riqueza e emprego. (Antes de ser Alcoa, a empresa era estatal, o seu beneficio era o noso, os sacrificios terían sentido).
Podemos subvencionar a actividade de Alcoa, como podemos axudar aos transportistas con gasóleo barato, ou dar axudas aos gandeiros, ou mesmo pagar as hipotecas dos cidadáns con dificultades. Claro que todos estes non teñen milleiros de traballadores secuestrados polos que esixir un rescate.
Ao final van marchar, porque a demanda en Europa cae, e traer a bauxita de Guinea para levar a produción a Asia ou América non sae a conta. Pero primeiro van mirar de ver até onde somos quen de baixar as nosas esixencias económicas, laborais e ambientais. Quizais se as homologamos coas de Guinea poidamos manter aquí Alcoa dez anos máis, pero é claro é que vai sendo hora de pensar no noso futuro industrial despois de Alcoa. Seica unha empresa estatal de enerxías renovables?



1 comentario:

  1. Como amplificar la cáustica del artículo? Como antídoto, necesitaría tener una balsa de tamaño comparable a la de lodos.

    ResponderEliminar