A mañá do día 6 de xaneiro, mentres celebraba a enésima festa do consumo cunha demostración de resistencia -remendando o meu vello pixama- estiven reflexionando sobre o complexo que vai ser compatibilizar a proposta ecosocialista de suficiencia e autolimitación no consumo de recursos e enerxía coa "proposta económica alternativa" dun desarrollismo de corte keynesiano para recuperar o consumo "motor do crecemento".
Agora que a concentración da riqueza afoga ó sistema capitalista, que un número que medra de traballadores/consumidores -con e sen emprego- non teñen recursos para dotarse do mínimo imprescindible, a nosa proposta debera ser axudarnos a repensar sobre canto é o que realmente precisamos, e a necesidade de cadrar esa cantidade co que o noso planeta é capaz de resistir.
Este momento no que moitos sufrimos o embate da crise, e que aprendemos á forza que o mundo de consumo inconsciente rematou, que debemos conformarnos con menos -e, máis importante, que podemos vivir con menos-, non é o mellor momento para traballar a suficiencia?
Comecei este blogue fai 6 anos escribindo sobre a procura da felicidade, o obxectivo central da nosa vida, sobre os límites do planeta, sobre os estudos da relación entre os ingresos e o benestar, entre o PIB dos estados e a felicidade dos seus cidadáns. Este é o momento de comezar a traballar no modelo alternativo. No auténtico modelo alternativo, non no regreso a un punto que xa pasou e que non vai retornar.
O compromiso debe ser achegar a todos o preciso, non recuperar o crecemento absurdo. Aínda hoxe, tras estes anos de crise, estamos moi por riba do que o planeta pode resistir: mesmo en Galicia, o certo é que non precisamos crecer senón repartir. Asumamos a nosa responsabilidade, lembremos como era a vida nos anos 60 e vaiamos recuperando os hábitos sustentables de entón.
Non en todo, por suposto. Non falo do rural, non falo da eficiencia enerxética dos edificios, non falo das telecomunicacións, das renovables ou de internet, pero si de menos coches e máis nenos nas rúas, de menos horas de traballo, de menos produción e menos consumo, de produción e consumo locais, do retorno dos envases e o zurcido da roupa, do zapateiro do barrio e a lavadura para os porcos.
Rexeitemos logo o móbil por ano, os regalos sen xeito, o coche para todo. Rexeitemos os AVEs, as ampliacións de aeroportos e os macroportos, pensadas para un transporte que non será viable no futuro. Rexeitemos os cáterings de centos de quilómetros, o exceso de carne, a comida lixo, o aceite de palma e o glutamato monosódico.
Comecemos a imaxinar o futuro da suficiencia, orientando a economía á produción do que realmente precisamos: os alimentos, a roupa, a vivenda, a enerxía. Para todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario