O pacto entre Izquierda Unida e Podemos, a coalición “Unidos Podemos” reabre -pecháraa o PSOE fai 30 anos tras uns inicios prometedores- a oportunidade dun cambio real das políticas no Estado para traballar a prol da maioría social.
Ese pacto, produto da necesidade de ambas formacións a partes iguais, precisa de amplitude de miras pola parte de todos: dos dirixentes de Podemos e IU, dos dirixentes das formacións que están a confluír con eles no Estado e noutros territorios, dos militantes de todas elas e en xeral de todos aqueles que agardamos un cambio real das nosas institucións.
Dígoo porque a perspectiva dun incremento no número de escanos de ambas formacións pode supoñer un problema se no canto de centrar o foco nas propostas alternativas e transformadoras, deixamos que outros o poñan nas persoas que van entrar en tal o cal posto de responsabilidade. Se non somos quen de tomar a iniciativa da campaña escollendo 10 temas candentes achegados ás persoas outros virán meter o dedo no debate dos postiños co obxectivo de que rompamos o cántaro e botemos o leite polo chan.
A xenerosidade debe xurdir do recoñecemento dos méritos das formacións participantes. Izquierda Unida foi a “gardiá da lume“, a mantedora da mensaxe alternativa, da coherencia do discurso todos estes anos nos que o pensamento único foi tragando á socialdemocracia europea pola boca da “terceira vía”. Era de xustiza que fosen eles quen colleran o froito da decepción tralo fracaso do neoliberalismo, pero tardaron en abrirse, as vellas inercias impediron a súa adaptación ós novos tempos, e só tralo triunfo de Podemos, con todo perdido, deixaron a Alberto Garzón abrir as ventás. Algo parecido ó que aconteceu co BNG na Galiza.
Foi Podemos quen viu vir a onda do 15M, e quen soubo subir nela e capitalizar a ansia de renovación, quen entendeu que moita xente afastada da política precisaba de comezar a entendela antes de poñerlle etiquetas, desde o principio. Que era preciso comezar por falar da diferencia entre os de abaixo e os de arriba antes que elixir entre esquerda e dereita. Que para acadar a maioría social precisa para a transformación do país non se podía comezar por falar só cos que se senten de esquerdas senón que hai que dirixir a mensaxe a todos os oprimidos polo sistema. Tamén na Galiza, outros tralo 15M e antes de nacer Podemos estivemos pola transversalidade, neste caso sen saír do ámbito da esquerda -entre a nacionalista e a federalista- obtendo un bo resultado como AGE.
Unidos Podemos incrementa a base social das anteriores alianzas, ó sumar as referencias electorais en todo o estado da esquerda tradicional e dese novo electorado menos ideoloxizado pero moi activo e numeroso. É tarefa de todos cooperar na integración, co respecto mutuo e comprensión, ás longas traxectorias, ás novas enerxías, achegando ilusión, empatía e intelixencia emocional comprendendo que imos todos no mesmo barco. O mesmo coa nosa candidatura En Marea: con todas as eivas na conformación da lista, as persoas que nela participan amosan o compromiso esixible co papel que van desenvolver. Tempo temos para traballar en mellorar a ferramenta de confluencia e os procesos participativos cara ás autonómicas e máis aló.
Xenerosidade, logo, traballo, paciencia e moita intelixencia emocional. Na futura transformación de Galiza e de España precisaremos todas as mans, pero hoxe é hora de empuxar, cada un desde o seu recuncho. A oportunidade, como di Anguita, é única. Medre o mar!
No hay comentarios:
Publicar un comentario