Fai dous anos xa que escribín para a Comarca un artigo titulado “As
Catedrais: Parque Natural ou Plan Especial?”. Defendía nel que
mentres que unha nova figura de protección -cuxa aprobación ademais
non dependía de nós- non garantía unha mudanza real sobre o
terreo, a utilización das ferramentas que están da man das
autoridades locais, como é o urbanismo, poden supoñer cambios reais
e ademais cambios que sexan os máis achegados á visión dos veciños
de Ribadeo. Esta idea xurdía da observación do feito polos nosos
veciños de Tapia e Castropol na praia de Penaronda -que comparten-,
cuxa problemática resolveron cun Plan Especial de Protección da
Paisaxe.
Dous anos despois daquel artigo, ven de rematar o prazo de alegacións
establecido para o Plan Especial das Catedrais no que o Concello de
Ribadeo investiu 50.000€ do noso orzamento municipal do ano 2015.
Está a disposición dos ribadenses a proposta da consultora que
gañou o concurso na web: “http://cmaot.xunta.gal”.
O resumo do que nela se di é que temos tres alternativas. Unha é
deixar as cousas como están: non facer nada; a degradación e
masificación da contorna seguirán a estragar os seus valores
naturais. Optar por esta vía supón renunciar a medio prazo a eses
valores e con eles ó seu atractivo turístico.
A segunda é a adaptación dos servizos e infraestruturas da zona a
unha afluencia de público maior ca a actual, priorizando as
condicións de accesibilidade no espazo á conservación dos valores
do monumento natural. Inclúe o incremento da capacidade de accesos,
aseos e duchas, aparcadoiros, casetas para os artesáns e centro de
interpretación das Catedrais. Esta aposta suporía un axardinamento
do espazo protexido, poñendo en perigo o seu status actual.
A terceira, que é a liña defendida polos autores do estudo como a
mellor, prioriza a conservación e adapta a ela o uso do espazo.
Propón o desmantelamento de todo o existente desde a vía da FEVE
até a praia, levando todas as infraestruturas ás proximidades do
apeadeiro de Esteiro (á dereita segundo se baixa desde a rotonda da
N-634, antes de chegar ó paso inferior da FEVE). Alí se porían o
aparcadoiro, o restaurante e se construiría o centro de visitantes.
Adoptar esta proposta –que lamentablemente sorprende pola súa
coherencia-, seria e revolucionaria á vez, suporía poñer a Ribadeo
como referente do turismo sustentable. Podería ser o primeiro chanzo
na progresiva transformación do noso litoral -dende a costa hasta a
N-634- nun grande espazo de lecer brando, con sendeirismo, roteiros a
cabalo, carrís bici, etc., compatible cos usos agrogandeiros
tradicionais, diluíndo a presión actual sobre a praia das Augas
Santas -que sen dúbida seguirá a ser o referente- e incrementando o
retorno económico da mesma sobre todo o concello.
Espero e desexo que sexa ese o camiño que pensa tomar Ribadeo, que
eu vexo como un camiño de futuro, na liña do desenvolvemento
sustentable do territorio. Espero, tamén, que os ribadenses sexamos
quen de acadar un consenso sobre a defensa do noso litoral. Se
estamos de acordo en gastar os cartos hoxe en darlle a volta ó que
se fixo a contorna das Augas Santas, e sacar de aló o restaurante,
os carteis, os aparcadoiros, o alumeado, as fosas sépticas e zonas
axardinadas, ten sentido ó tempo introducir na Illa Pancha, outro
espazo natural protexido ribadense, un hotel con aparcadoiros,
alumeado, fosas sépticas, carteis e zonas axardinadas?
No hay comentarios:
Publicar un comentario