martes, 16 de agosto de 2016

A mirada adiante, por sobre as miserias de hoxe, no futuro

Certo que a experiencia luguesa ten sido bastante decepcionante. Dun proxecto ilusionante de lista integradora consensuada desde abaixo en asembleas promovido polas bases de ANOVA (moitas grazas polo intento) a cinco listas monocores deixando a moitas persoas -válidas, capaces e con vontade de dar o salto- marxinadas e con gañas de deixalo todo.
Este era o risco do que falaba na anterior entrada de primarias con prelistas: apareceron os derradeiros intentos partidarios daquelas persoas que non acreditan no proxecto común, para atopar un oco na lancha e chegar ó parlamento galego -e saltar entón ó grupo mixto?-
Conste que isto foi posible pola resistencia das cúpulas de AGE a crear esa estrutura territorial que tanto temos solicitado desde A Mariña. Semella que hai quen non nos queren xuntas e fortes, non nos queren preparadas e asentadas nos nosos territorios. Prefírennos fieis, manexables, sospeitando entre nós e dispostas a pegar carteis nas campañas. Temen -supoño- que se nos xuntamos nos demos conta de que somos iguais -como lles pasou ás nosas deputadas-, comecemos a traballar xuntas e elixamos por nós as políticas locais e as nosas representantes.
Pero iso si, acábaselles o choio a esas cúpulas partidarias que adoitan vivir na planta de enriba, tralas portas pechadas, e sentarse nas mesas onde se toman as decisións. Os documentos aprobados o 30 de xullo, preparados polas Mareas en Común -espazos de participación que xa están a funcionar no eido local con grande éxito en varios puntos do país- inclúen a tan demandada estrutura territorial, e enterran -coido que para sempre- a pantasma da división infinita da esquerda galega. Non deixemos neste momento crucial que barreiras construídas desde arriba por persoas que non acreditan no proxecto común demoren por un minuto a confluencia das de abaixo.
A marea é nosa. Produto de repetidas votacións nas que as bases de todas as forzas da esquerda galega votamos a prol do traballo en común. Foi o noso esforzo, o das bases, as vellas, as novas e as novísimas bases (benvidos, Podemos!), o que nos trouxo dun 2012 sen sequera unha coalición de vellos partidos a candidatarnos hoxe e votarnos nunhas primarias abertas!
A mirada adiante. Mañá será mellor, seguro, porque teremos aínda máis poder nas nosas mans. Confiemos nas nosas forzas.

PD: E agora a votar: estudar as candidatas, ler os seus comentarios, decidir. A festa da democracia vaise facendo máis longa, pero é o que pediamos, non si?

1 comentario:

  1. É o que pediamos, si. E hai que convencer a quen lles parece unha catástrofe iso de 'adicar máis esforzo' a participar.

    ResponderEliminar