Mañá domingo ás 12:00 temos manifestación en Lourenzá promovida pola asemblea do 15M na Mariña e o Occidente de Asturias, en apoio aos traballadores despedidos de Hermida e en contra en xeral dos EREs en marcha e os peches de empresas na nosa comarca.
Coido que a maior parte dos cidadáns están de acordo en xeral coas demandas do movemento 15M, e en particular co apoio aos afectados por estes procesos, porén a participación é xeralmente baixa neste tipo de convocatorias. Interpreto que a baixa participación pode deberse a tres causas.
A primeira, a do distanciamento de cada un de nós da problemática particular de cada empresa. Acertadamente nos carteis que informaban desa manifestación se xogaba co poema coñecido como “cando os Nazis viñeron”, que lembraba a inacción do pobo xermano ante o xenocidio, primeiro aos xudeus, despois aos comunistas, despois aos xitanos, sen que ninguén dixera nada... “ finalmente viñeron por min, pero xa non quedaba ninguén para me defender..."
De igual xeito, pensar que o incremento progresivo do paro e a redución conseguinte de actividade económica na comarca non nos vai afectar a todos e cada un de nós é de unha inocencia enorme. Loitar por unha solución diferente ao incremento do paro en todos os casos nos que existan alternativas viables é loitar polo noso futuro particular, o dos nosos veciños e o do nosos fillos.
A segunda posibilidade é que haxa xente que non vexa útil este tipo de movementos, que non serven para nada e que non nos van facer caso. O certo é que iso é así cando somos poucos, pero non sempre cando nos xuntamos moitos, polo que a actitude particular de cada un de nós é crucial para cambiar as cousas. Neste caso citarei aquí a profecía dos indios Bopi: “nós somos aqueles aos cales estivemos a esperar”.
Finalmente está a terceira razón, a do medo. Lamentablemente aquí a cita vai ser local, foi un amigo de Trabada quen me dixo un día “as cousas son doutro xeito onde non hai beirarrúas”. Falabamos do caciquismo, do patrón, do alcalde, do presidente eterno da asociación, de aqueles que exercen o seu papel coma se fora para sempre, e do medo da xente a enfrontarse a eles amosando a súa opinión libremente na rúa. Probablemente esta sexa a máis urxente de eliminar, porque non se pode construír o século vinte e un cos pés fincados na lama antiga do dezanove.
No hay comentarios:
Publicar un comentario