domingo, 2 de septiembre de 2012

O clarificador adianto electoral

A decisión, interesada ou forzada, de Feijoo, de adiantar as eleccións galegas ao 21 de outubro, coa consecuente obriga de presentar no prazo de sete días as posibles coalicións electorais, vai ser a proba do nove da sinceridade das boas intencións manifestadas polas diferentes forzas políticas do país.
Os partidos tradicionais, PP, PSOE e BNG, xa sabemos que van coma sempre; porén están enriba da mesa ofertas de EU e ANova para a converxencia das esquerdas (xa rexeitada polo BNG e Compromiso por Galicia por "anticapitalista") e a proposta de CxG a ANova dunha coalición "xenuinamente galega" (excluíndo polo tanto a forzas como EU ou Equo).
Nun contexto de emerxencia social no que as forzas políticas que se din alternativas e renovadoras deben poñerse no lado do 99%, superando as diferencias ideolóxicas de fondo para artellar un proxecto alternativo que abra a porta ao cambio da cultura política imperante, semella fóra de lugar poñer atrancos aos acordos cos poucos que están dispostos a escoitar o clamor pola unidade da cidadanía.
Nestes intres, a actitude que semella ter ANova é sen dúbida a que goza do meu maior aprecio: pacto sobre un programa radicalmente democrático, participativo, sustentable, na defensa dos servizos públicos e da maioría social, con todo aquel que queira subscribilo. Aí coido que hai que estar, con eles, con EU se cadra, con Equo se quere, e con outras forzas pequenas que queiran sumar os seus pequenos porcentaxes de votos comprometidos e de cualidade polo cambio do modelo.
Temos un par de días para saír de dúbidas e saber definitivamente quen é cada cal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario