Tras as turbulentas datas transcorridas
desde o anuncio de eleccións anticipadas en Galicia, os mares da
esquerda e do nacionalismo teñen agora que voltar á calma. A falla
de capacidade negociadora por case todas as bandas cara á
converxencia urxida pola lei electoral non debe agora completarse
cunha loita fratricida entre as dúas candidaturas.
É entendible, e polo tanto explicable, que a converxencia non foi posible porque as novas opcións políticas atópanse ideoloxicamente afastadas e non, como sucedía en tempos anteriores, por mero capricho dos seus dirixentes. Son proxectos
políticos que non
defenden as mesmas solucións,
porque non comparten o mesmo ideario político.
A actual difección de Compromiso por
Galicia defende de xeito maioritario o actual sistema económico
capitalista, propoñendo melloras á súa versión actual no eido da loita contra á
corrupción e o fraude, na defensa das Pemes fronte aos intereses das grandes
empresas e as trasnacionais, no modelo de partido aberto á
cidadanía... en definitiva, propostas similares ás que adoitan
facer, pero non cumprir, os partidos socialdemócratas e liberais.
A coalición Anova-EU non acredita no
sistema, e o seu obxectivo é a súa superación para achegarnos
progresivamente a outro tipo de sociedade rexida polos cidadáns,
cooperativa e igualitaria, de baixo consumo, ambientalmente sostible,
introducindo medidas innovadoras como o reparto do emprego existente,
a limitación dos salarios máximos e a suba dos mínimos, etc.
Ambas opcións defenden e comparten polo de agora á necesidade dunha nova forma de facer política, renovada, austera, achegada aos
cidadáns, aberta á participación, polo que é de esperar que
coincidan nos vindeiros tempos na defensa de medidas de hixiene
política, de eliminación de privilexios de clase, na liña do demandado polo movemento 15M.
Sería de interese que as dúas obtiveran presenza no
parlamento galego para que a cidadanía galega poida visualizar en
San Caetano as dúas versións da nova política, a renovadora e a
transformadora, alternativas aos partidos que hoxe nos gobernan.
Cómpre explicalo ben á cidadanía,
tratarse con respecto e dirixirse aos votantes como adultos, lonxe de
mesianismos, hipocresía e descalificacións. 45 de cada 100
electores están decepcionados co que hai e van na procura dunha
opción nova e atractiva. Sexamos que de explicalas. E non nos demos
entre nós, que xa nos van dar abondo desde fóra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario