Veño de asistir, como membro de Espazo Ecosocialista, a un seminario
en Bruxelas organizado pola Green European Foundation. Trátase dunha
organización que traballa para desenvolver as ideas e propostas do
Partido Verde Europeo, a través de foros, xornadas temáticas e
seminarios de formación das persoas interesadas, militantes dos
partidos nacionais ou simplemente activistas ecoloxistas.
O seminario “Greening Europe: Toolkit
for the European Green Activist” tiña por obxecto amosar o
funcionamento das institucións europeas -a capacidade e limitacións
do Parlamento Europeo, os mecanismos de codecisión entre o
Parlamento, o Consello e a Comisión- asi como as posicións dos
diferentes grupos políticos respecto aos temas ambientais, e mesmo
do curioso xogo de intereses partidarios e nacionais dentro deles.
No transcurso do mesmo tiveron lugar
presentacións e debates sobre a idea de Europa e a súa evolución,
as políticas pesqueira e enerxética e a crise do euro (aquí
participou Reyes Montiel, co-voceira de EQUO), todos eles de interese
polos ponentes e máis polo intercambio de opinións entre os
participantes de case todos os países da unión. Finalmente,
visitamos o Parlamento Europeo e a sé do Partido Verde, onde falamos
da organización da campaña e dos contidos do seu programa para as
Europeas do vindeiro ano.
En definitiva, a viaxe cumpríu
sobradamente as miñas expectativas, que non eran outras que aprender
e comprender o xeito de funcionar das institucións europeas, e
coñecer, sobre todo, a que mandamos xente a Europa, que fan e que
non fan os nosos representantes, en que defraudan e de que se
queixan, e como mellorar a nosa representación e o funcionamento da
cámara en xeral. E de paso, recoller as ideas e visións que de
Europa e de nós se teñen polo mundo adiante.
De todo ilo, regreso -nun resumo
rápido- coas seguintes percepcións:
- O Parlamento Europeo, única institución europea elixida democraticamente, funciona como unha cámara de partidos, e non en clave territorial. Aínda que os parlamentarios teñen liberdade de voto e as disciplinas non existen como pasa nas nosas cámaras, o voto en clave nacional é minoritario. O calidade do traballo parlamentario é moi variable: hai quen traballa arreo e quen chega como recompensa tras moitos anos nos partidos (cemiterio de elefantes -como o senado, pero máis lonxe- molestos?),
- A representación dos intereses dos diferentes estados correspóndelle aos Consellos de Ministros -nos que participan os ministros dos diferentes estados- que por precisar maiorías cualificadas, adoitan recortar -por intereses nacionais- as propostas do Parlamento, en xeral máis avanzadas.
- A actividade dos “lobbies” empresariais -pero también ecoloxistas e sindicais, aínda que nunha cantidade moi inferior- é moi importante: hai máis de 20,000 persoas vivindo ao redor do Parlamento tentando de convencer de xeito máis ou menos legal aos parlamentarios para influír nas regulacións que se están a elaborar.
- O Partido Verde Europeo, unión de partidos verdes dos estados membros, non ten unha orientación política definida, debido á variabilidade entre as ideoloxías dos seus compoñentes, desde o capitalismo verde alemán ao ecosocialismo. Tal variabilidade ideolóxica pareceume pouco coherente co feito de que non pode haber dous papeletas de partidos do PVE competindo nunhas eleccións no mesmo territorio.
- A visión da situación dos países do Sur desde os do Norte é varía entre o descoñecemento, a incomprensión, o reproche e a compasión paternalista. A explicación do papel xogado polo BCE na xestión dos tipos de interese na última década, ou a xestión da débeda (“quen debe e quen paga”) e dos riscos financeiros, e mesmo o futuro que espera aos traballadores do Norte de convivir cun Sur devaluado, pillaron por sorpresa a algúns dos participantes: a información aínda non traspasa fronteiras.
En resumo, uns días de moita
aprendizaxe para todos, sobre que é e como funciona Europa,
interesantes, amenos e divertidos... pero tamén unha certa
decepción: a carencia dunha inequívoca vontade transformadora cara
á superación do capitalismo, e a visión dual Norte-Sur nalgúns
discursos. O 15M non entrou aínda con toda a súa forza na Europa, e
tampouco nos verdes europeos. Ao tempo.
Agradécese a info!
ResponderEliminar