Un reciente
artigo no xornal dixital Praza Pública lembra e alerta sobre a
tendencia dos partidos políticos de esquerda de atraer e incorporar
aos líderes máis relevantes ou mediáticos dos movementos sociais.
Persoalmente sempre me pareceu unha boa idea cara ao enriquecemento,
mellora e actualización do discurso dos partidos, tan poboados de
materia gris, pero no sentido de persoal cuxa mellor cualidade é a
do seguidismo do lider de turno.
Lamentablemente
esa idea non adoita dar lugar a un bo resultado na súa
implementación. Os independentes, líderes dos movementos sociais,
profesionais relevantes ou referentes do mundo da cultura, adoitan
rematar ou ben desaparecidos tras seren fagocitados polo aparato do
partido, adocenados nos seus escanos, ou ben de volta fóra da
política tras perder coa súa independencia boa parte da súa
capacidade de liderado.
Ao tempo, os
movementos cidadáns perden os seus referentes, e morren de éxito ao
acadar os partidos que reciben o seu apoio a vitoria electoral:
gañada a súa loita de oposición ao goberno de turno, vense
incapaces de manter a súa vocación de crítica e de control da
acción do novo goberno. Como resultado, a cidadanía se desmobiliza,
se aparta das forzas políticas e mesmo deixa de acudir a votar
pensando non sin razón aquilo de “todos son iguais”.
Os que
estamos a comezar a participar na vida política non debemos pensar
que os nosos partidos son diferentes, e mesmo que nós mesmos somos
distintos, de outra madeira e que nunca imos ver aos cidadáns como
inimigos, que sempre imos a estar dispostos a escoitalos e manter as
portas abertas. Cómpre logo establecer medidas concretas e
procedementos que garantan a participación cidadá na xestión da
vida pública.
Non é
necesario inventar nada. O Concello de Ribadeo ten xa, aínda que
paralizados desde fai moitos anos, dous instrumentos fundamentais
para facelo. Un deles é a Ordenanza de Participación Cidadá, e
outro a Axenda 21 Local, que leva aprobada desde fai unha década coa
unanimidade das forzas políticas do Concello en 2002, e renovado o
compromiso no 2008. A falla de vontade das tres forzas políticas
maioritarias, que todas elas teñen pasado polo sillón da Alcaldía,
reflicte a dificultade que mesmo no eido local, e nun Concello que
pode considerarse dos avanzados, seguen a experimentar os partidos
para compartir o poder e a responsabilidade coa cidadanía.
Non é certo
que non se poida. Hai tamén exemplos de boa xestión, lugares onde a
Axenda 21 funciona e mesmo existen boas experiencias de orzamentos participativos, onde os
veciños deciden as prioridades do gasto municipal, onde a
transparencia preside as adxudicacións e concursos. Se os políticos
non temos ideas sobre como facelo, abramos as ventás e preguntemos á
xente. Non esperemos á campaña electoral para facer as propostas.
Imos aló, pódese.
Só unha lembranza para indicar que o regulamento de participación cidadá non está aprobado de xeito definitivo, e, a verdade, se se aproba como estaba previsto nun comezo (na votación inicial), case mellor que non se aprobe.
ResponderEliminar