Nunha das excursións
da facultade un dos compañeiros dixo que atopara ouro; en realidade
era calcopirita, coñecida como o “ouro do tolo”, un mineral de
cobre e ferro que brilla con cor amarela. As veces a xente se engana
vendo riqueza onde non hai tal. Hoxe en Galicia e Asturias xente na
súa desesperación engánase vendo riqueza onde non hai, mentres
outros aproveitan para facer negocio.
A minaría existe
desde sempre, a necesitamos para conseguir os minerais que precisamos
no noso desenvolvemento. Non podemos elixir onde explotalos, só se
queremos facelo ou non. Supón enormes movementos de terras, elimina
a vexetación e o chan fértil, as terras removidas teñen
contaminantes que van ao ar, ás augas, ao chan, e afectan ás
persoas e a fauna.
Por iso, cómpre
avaliar coidadosamente cada proxecto: saber se os beneficios sociais
e económicos poden compensar os prexuízos ambientais, sociais e
económicos; ver se quen leva os beneficios e quen carga cos
prexuízos é a mesma xente, para artellar as compensacións
precisas; para ser xustos cos nosos fillos e netos, estimar se os
beneficios chegan para limpar a pegada da actividade mineira.
Cando os beneficios
abondan para recuperar ambientalmente a contorna, descontaminala e
compensar a quen se vexa afectado negativamente pola actividade, e ao
tempo para cubrir unha póliza que asegure fronte ao risco de
calquera accidente, hai poucas razóns para opoñerse ao proxecto.
Pola contra, se os beneficios non abondan para pagar a póliza dos
riscos, nin para limpar o terreo, nin para compensar a quen se vexa
afectado pola actividade, e supón asumir unha herdanza eterna e
ameazante para á comarca, o resultado desa avaliación non pode ser
positivo.
Nos proxectos que se
plantean en Tapia de Casariego (Asturias) ou en Corcoesto (Galicia),
os beneficios da explotación non abondan para deixar o terreo limpo.
Así mesmo, os riscos asociados de contaminación e afección á saúde,
de accidente, de quebra da empresa pola baixada do prezo do ouro, non
fican cubertos por garantías económicas. Tampouco as axencias de
seguros cobren eses riscos: se o fixeran o custo da póliza faría
inviable o proxecto.
En resumo, non hai
beneficios netos: é un troco de cualidade ambiental e produtividade
do noso chan a actual e futura por uns poucos postos de traballo
durante dez anos. A empresa privada leva o ouro e deixa o veleno sen
amañar a desfeita que provoca. Os gardas do ben común e do interese
xeral, os nosos dirixentes, dan a súa bendición. Os técnicos calan
lonxe dos micrófonos.
Non hai creación de
riqueza, senón espolio: uns gañan e outros perden. Previsión:
antes de 10 anos os mineiros pedirán aos seus veciños que loiten
polos postos de traballo da mina. E o farán, porque sen agricultura,
gandería, pesca nin turismo, non haberá xa máis alternativa que a
mina ou marchar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario