lunes, 1 de abril de 2013

Servizos públicos, sustentabilidade e soberanía


A estas alturas todos sabemos xa que debemos axustar os nosos hábitos de consumo para acadar a sustentabilidade ambiental e económica en tódolos eidos, tamén no que se refire á auga, á enerxía e aos residuos. Tamén somos conscientes de que cústanos mudar os nosos hábitos, e que a forma máis eficaz de facelo e tocarnos o peto: poñer tarifas que premien o aforro dos recursos e a boa xestión dos residuos, con respecto respectivamente ao seu despilfarro e mala xestión.
Porén, en moitos dos nosos concellos recursos e residuos son xestionados por compañías privadas que gañan máis cartos canto máis despilfarro haia: qué beneficio obtén unha compañía de fomentar o aforro no que vende? Para qué vai querer un xestor de residuos que produzamos menos residuos, se os seus ingresos medran canto máis residuo xeramos?
O papel dos políticos, tamén neste asunto, é esencial. Delegar a xestión de recursos e residuos en empresas privadas é unha decisión que esixe un control estrito do funcionamento das mesmas, co obxecto de asegurar unha xerarquía de intereses nas que o prioritario sexa o beneficio da veciñanza. Non falo do interés de hoxe, de despilfarrar sen pagar, ou de xestionar mal os seus residuos sen ser penalizado, senón do interés de todos no longo prazo (o ben común), que haberá que definir a través dun profudo debate, moita participación e corresponsabilidade por parte de toda a cidadanía.
Recuperar para o público a xestión deses servizos, na medida e coa velocidade que se poida, é recuperar unha peza substancial da soberanía local, da nosa capacidade de decisión e autoorganización, a chave que nos pode permitir poñer en marcha procesos poderosos de creación de emprego avanzando polo camiño da sustentabilidade no ámbito municipal.
A nova política esixe, tamén nestes eidos, transparencia, confianza e pedagoxía. Importantes decisións deben tomarse para transformar o noso xeito de consumir e producir a nosa enerxía, captar, distribuír e depurar a nosa auga, reducir a produción, recoller e reciclar os nosos residuos, producir e reciclar os nosos materiais de construción, producir e consumir os nosos alimentos e combustibles.
Este é o auténtico concepto de soberanía: alimentaria, enerxética, no abastecemento dos recursos básicos... Ao tempo que seguimos a esixir que nos deixen facer o que non nos deixan, por que non comezamos a traballar no que xa podemos facer? Por que non comezamos a crear desde a base unha economía local soberana, unha sociedade empoderada e non dependente? Fagamos o que xa podemos facer, exercitemos a soberanía que xa temos, camiñemos cara a non-dependencia doutros axentes e intereses económicos.
Desde a autonomía e independencia da filla que marchou da casa ou mesmo da terra, como tantos galegos tiveron que facer (pero tamén a do fillo que ficou na casa e nela ten o seu traballo e a súa familia, como tantas galegas tamén fixeron), poderemos manter co resto das comunidades veciñas deste pequeno planeta relacións de amizade entre iguais e de intercambio (social, cultural, económico). É esta soberanía auténtica a que nos proverá de emprego e recursos para enfrontar o futuro. Comecemos a traballar por esa soberanía nos nosos propios concellos, que así non temos que esperar que ninguén nos dea o seu permiso.

2 comentarios:

  1. Como me gustaría que confirmaras que é a postura oficial de AGE e Anova!

    ResponderEliminar
  2. Seguramente non é sequera a postura de Espazo Ecosocialista ;D

    Pero o importante non é que o sexa, nin que sexa a de AGE, senón que sexa a da xente. Xa a xente vai por diante: non podemos esperar que os partidos, nin sequera AGE, veñan traernos as solucións, somos nós que temos que ter as ideas, e despois obrigalos a que as metan nos programas. Temos que madurar como cidadáns e pasar da crítica ás propostas. Imos facerlles o programa electoral.

    ResponderEliminar