viernes, 12 de julio de 2013

As Catedrais, Parque Natural ou Plan Especial?


Veño escoitando desde fai anos as queixas dos nosos mandatarios locais sobre a falla de atención e coidado que as administracións autonómica e central están a dar á praia das Catedrais. A novidade é que (son xa varios artigos sobre o mesmo tema), a solución está en que As Catedrais -as praias de Augas Santas e Carricelas- sexan nomeadas Parque Natural.

O certo é que a nosa máis famosa praia ten xa abondos recoñecementos: forma parte da IBA Eo-Foz delimitada en 1998 pola SEO-Birdlife, é Monumento Natural desde o ano 2005, foi declarada Zona de Protección Especial dos Valores Naturais no ano 2008 e é Lugar de Importancia Comunitaria formando parte da Rede Natura 2000.

Lamentablemente, todos eses recoñecementos e declaracións non teñen servido de moito: verteduras de fecais desde as fosas, erosión dos cantís, pisoteo da flora protexida, aparcadoiros precarios-ilegais, risco para as persoas, déficit de infraestruturas, suciedade nos aseos, insuficiente vixilancia, vertidos de lixo, masificación e problemas nos accesos son problemas recorrentes que ano tras ano afectan ao entorno, aos seus visitantes e aos responsables da súa xestión. Unha nova declaración, desta volta como Parque Natural, de acordo coa nosa experiencia, traería máis publicidade e masificación para un espazo sen coidado nin financiamento.

A protección real chega a través do Plan de Ordenación dos Recursos Naturales (PORN), que di o que se pode e non se pode facer en cada zona, e do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), que define e asina financiamento ás medidas concretas cara á defensa efectiva. Porén, a Xunta de Galicia ten unha longa tradición na declaración de espazos protexidos para despois non redactar nin os PORN nin os PRUX -que legalmente teñen que aprobarse aos dous anos da declaración- (penso que só hai un espazo con PORN no noso país!). Polo tanto, cómpre pedir que se cumpra a Lei e que se aproben eses plans.

Alternativamente, o Concello pode explorar a vía do Urbanismo, redactando para As Catedrais un Plan Especial de Protección de acordo co artigo 69º da Lei do Solo de Galicia, como fixo para a protección do casco vello. Estes Plans se poden aplicar tamén para a protección de espazos naturais: foi a ferramenta empregada polos nosos veciños na praia de Penarronda para sacar o cámping das dunas, reubicar os aparcadoiros e establecer medidas de recuperación ambiental que fan compatible o uso turístico coa recuperación e conservación dos seus valores naturais.

2 comentarios:

  1. As cousas son ás veces tan sinxelas e tan complicadas ...

    ResponderEliminar
  2. Totalmente dacordo. Moita figura de protección e rimbombantes nomes, pero sin plans de ordenación e xestión, todo queda en papel mollado.

    ResponderEliminar