Din que non hai outro xeito de facer as
cousas. Din que os nosos fillos e netos terán que ter traballos
inestables e mal pagos, que é iso ou o paro. Que tras unha vida sen
poder cotizar, terán pensións de miseria. Pídennos xa que
baixemos os salarios aos funcionarios e as pensións aos nosos
maiores. Que traballemos até os 70 anos mentres a metade dos xoves
está no paro. Que menos médicos e profesores, e a pagar os libros e
mesmo o uso do comedor nos colexios, as medicinas e as receitas. E
ante esas peticións da dereita europea, Feijoo... convoca eleccións
antes de responder.
A dereita aposta pola austeridade, pola
rebaixa dos gastos do Estado, porque renuncia a incrementar os
ingresos. As grandes empresas pagan aquí a metade de impostos da
media europea. As grandes fortunas pagan menos que os desempregados.
Os deputados teñen exentos de impostos o 40% das súas percepcións.
Fai poucos anos eliminaron os impostos de sucesións e o do
patrimonio, favorecendo a quen máis pagaba por eles. Namentres,
soben os impostos dos cueiros e pónnos igual cos dos coches de luxo.
Cando de subir se trata, súbennos os que pagamos todos por igual,
cando baixan, baixan aqueles nos que pagan máis os que máis teñen.
É unha aposta política, a de
favorecer a quen máis ten, a aposta pola desigualdade. Non poden
axudar aos gandeiros, pero axudan ás multinacionais como Alcoa e
Citroen. Non poden axudar aos parados que quedan na rúa por non
poder pagar a hipoteca, pero axudan aos bancos e fan que paguemos
todos a súa débeda. Non poden axudar a quen perde os cartos
enganado coas preferentes, pero fan amnistías fiscais para quen os
teña en paraísos fiscais no extranxeiro.
O peor é que fanno porque os cidadáns
actuamos na política como no futbol. Somos dun equipo e non mudamos
o noso voto aínda que saibamos que non o están a facer ben, que xa
nos enganaron, que nos ocultan a verdade, que adelantan as eleccións
porque despois van facer algo que nos vai enfadar, algo inxusto que
hoxe non poden ou non queren ter que explicar. Semella que nós temos
que serlles fideis a eles, cand son eles quen deberan sernos fideis a
nós.
Non é certo que non haia outro camiño.
Pero se queremos que cambie o xeito de facer política primeiro temos
que cambiar nós. Non van mudar se non llo dicimos, e só hai unha
linguaxe que eles entenden, só unha maneira de dicirlles se nos
gusta á súa proposta para o futuro ou non. Despois, a chorar, a
protestar contra os EREs no bar, a arrepentirse do voto ou de non ir
votar... un día importante para os galegos, para o futuro dos nosos
fillos e netos, este domingo.
Coido que non votei tan mal nas anteriores. Aínda así, cambio o meu voto, espero que a mellor.
ResponderEliminar