sábado, 21 de abril de 2012

Paraiso envelenado?


Comezas a falar da perigosidade de botar insecticida polo ar, sen saber onde vai caer e sobre quen, sobre as herbas que comen as vacas, sobre o chan do que nacen as traídas, sobre os regos que morren nas rías, sobre as hortas das que comemos.
Entón alguén fala de que non hai case algas na costa, e outro di que apareceron milleiros de sepias mortas polas praias.
Outro di que Alcoa píntache o coche gratis despois de cada fuga, porque saben que a deposición do escape é capaz de estragar a pintura dos coches ¿que fará nos nosos pulmóns, na nosa pel?
Outra compañeira comenta que no instituto de Navia hai un protocolo na educación física específico para nenos asmáticos pola grande cantidade deles que hai, preto dun 30%.
Un que traballa en Jarrio di que ao parecer, a prevalencia de enfermidades como cancros e leucemias alcanzan na nosa comarca niveis moi por enriba do normal.
Quedo abraiado e pregúntome se non haberá por alí un periodista curioso, que sexa quen de investigar, de facer algunhas visitas e chamadas, de tirar do fío e consultar os estudos existentes, ou no seu caso de preguntar ás autoridades porqué non hai estudos sobre todo isto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario