domingo, 15 de abril de 2012

Do financiamento local


Caeu nas miñas mans (virtuais) un documento da FEMP, Federación de Municipios e Provincias sobre o financiamento local ("La situación de los ayuntamientos en España"), longo e interesante, algo antigo pero moi recomendable para todos os que adoitamos a opinar sobre estas cousas.
Falabamos noutra entrada dos escasos impostos que recada o noso goberno con respecto a outros países do noso contorno, e a súa incidencia na reducida importancia da cantidade de traballadores do sector público.
Pois ben á vista dese documento, tal situación vese acentuada lo eido local, debido a que deses impostos menores, a distribución dos mesmos entre as diferentes administracións, comparada coa da media dos nosos veciños da UE-15 resulta moi prexudicial para os concellos do noso pais. Tan é así que se adaptaramos para nós o que se fai na media dos países europeos, o financiamento local veríase incrementado nun 40%, co que a maior parte dos problemas financeiros dos concellos desaparecerían.
Aínda así, debido como dicía ao inicio á escaseza do monto global do recadado, en termos netos ou comparados co noso PIB seguiríamos a estar na parte baixa da táboa en inversión por habitante, pero a situación actual é que aqueles que poden decidir sobre os impostos máis xustos, os que gravan aos cidadáns conforme á súa riqueza, fican coa maior parte do recadado, deixando aos concellos cunha porción a todas luces insuficiente do pastel.
A cousa é aínda peor, porque a base sobre a que se calcula a parte máis importante dos impostos municipais, o IBI, é un catastro que está nas mans da administración central, que por non sacar proveito dela non adica tampouco os recursos humanos e materiais precisos ao seu mantemento e actualización, pasando lustros entre as diferentes revisións, coa conseguinte perda de recursos para os concellos, que recadan sobre avaliacións moi por embaixo do valor real dos inmobles.
Tampouco axuda a administración autonómica, que nin cubre na súa totalidade os servizos da súa competencia nin transfire unha parte dos seus fundos aos concellos de xeito previsible. A política de subvencións sen xeito (hoxe desaparecida pola crise) impide aos concellos programar as súas prioridades, véndose na obriga de ou ben renunciar a elas, ou gasta-los cartos en cousas que non son as máis axeitadas na súa situación particular.
En definitiva, cara ás próximas eleccións autonómicas (quen sabe cando) convén mirar aos programas facendo fincapé na cuestión do compromiso dos partidos cun financiamento local suficiente e previsible para que a administración local poida atender axeitadamente á súa veciñanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario