As folgas xerais non se convocan por causas particulares dunha empresa, senón para amosar o rexeitamento do conxunto dos traballadores e a cidadanía ás políticas laborais ou económicas dun goberno. Por iso, cando desde a CEOE se di que a folga convocada para o vindeiro día 29 de marzo é unha folga política, desde a Asemblea da Mariña-Occidente estamos de acordo: é unha folga contra a política laboral do actual goberno.
O que sucede é que o movemento 15M non se asusta da verba “política”, dado que precisamente a nosa intención é a de non deixar a política nas mans dos profesionais da política. Levamos xa máis de dez meses pedindo aos políticos transparencia e aos cidadás participación, e nesta ocasión non vai ser diferente. Os nosos movementos non dependen de quén convoca ou quén asiste a un acto. Unha cidadanía maior de idade pode avaliar cada situación e posicionarse fronte a ela cun discurso propio, coincidindo ás veces con uns e outras con outros, sen tutelas nin coacións dos diferentes actores.
Hoxe nos enfrontamos á reforma laboral presentada polo goberno. A súa proposta baséase na filosofía de que facilitar a xestión das empresas polos seus propietarios á súa vontade facilitará a creación de emprego, non dubidando para iso en eliminar os dereitos dos traballadores, permitindo que se unha empresa gaña menos que antes (hoxe, todas) ou simplemente pensa que vai pasar, poida despedir barato aos seus traballadores, ou baixarlles o salario unilateralmente; cas empresas poidan mover á xente onde e cando queiran, poidindo despedir barato a quen non estea disposto, que se poidan contratar xoves por un ano con despido libre ou que os incrementos salariais acordados polos sindicatos e a patronal poidan en caso de necesidade deixar de aplicarse nunha empresa en dificultades. Unha tras outra, medidas que facilitan o despedimento e a rebaixa dos dereitos e favorecen ao empregador.
Din que con esta reforma trátase de crear emprego, pero despois din que este non vai crearse até que medre a economía. É dicir, que non vai crear emprego, que o emprego o xenera o crecemento, o mesmo que cando se creou emprego fai oito anos, coa anterior lexislación laboral.
Tamén din que se trata de que nunha futura crise non se despida aos traballadores, senón que se poidan repartir empregos e salarios dentro da empresa, pero iso foi precisamente o que acordaron en xaneiro empresarios e sindicatos, sen necesidade de abaratar o despedimento, antes de aproba-la reforma.
Os máis deles pensan ca reforma vai axudar aos empresarios a competir con produtos máis baratos no mercado internacional, pero non falan do que vai supoñer a baixada dos salarios para os pequenos comercios e empresas que venden os seus produtos e servizos no mercado local.
Desde a Asemblea Cidadá denunciamos que:
1. A reforma laboral vai supoñer unha baixada xeralizada dos salarios, e así unha merma da nosa capacidade adquisitiva, polo que as empresas que venden os seus produtos na nosa comarca verán baixar as vendas, o que vai reducir á súa carga de traballo e incrementa-lo noso desemprego.
2. A estratexia da rebaixa salarial para competir no mercado europeo (o noso mercado) non pode triunfar se vai ser a mesma en tódolos países da UE, indo quedar simplemente na destrución do sistema europeo de benestar.
3. En definitiva, apoiar esta reforma é optar por un sistema económico global no que os traballadores vivan cada vez peor, para que a riqueza siga a acumularse nas mans do 0,1% da poboación, dos banqueiros, dos executivos das grandes multinacionais e dos líderes dos grandes partidos políticos que lles serven de coartada.
Por iso desde aquí queremos chamar a tódolos cidadás á participar na folga, pero non quedándose na casa, senón deixándose ver nos diferentes actos que se propoñan o vindeiro xoves 29, para facer patente o noso desacordo coa reforma. Para que non digan que non fumos traballar porque os piquetes nolo impidiron. Chamamos tamén ás mulleres e homes que traballan na casa, cuxo
esforzo parece que non existe por non ter un salario, para que rexeiten unha reforma que vai a obrigalos a traballar tamén fóra da casa pola baixada dos salarios. Chamamos aos parados, para que levanten á súa voz contra unha reforma que vai condealos a traballar gratis para a adminisitración se non aceptan rotar en traballos precarios “se é preciso en Laponia”.
Chamamos a quen ten emprego e ao quen non o ten para que loiten xuntos, porque a unión fai a forza, e hai que parar esta estratexia de enfrontarnos uns cos outros que só pretende que non vaiamos na procura dos auténticos culpables nin das verdadeiras solucións.
Contra unha reforma política, unha folga política. Por suposto: os cidadás facendo política, de xeito transparente e sen intermediarios.
Porque as cousas importantes é mellor facelas un mesmo.
Invitamos a todo mundo a acudir o xoves 29 ás 12 da mañá diante do Concello de Ribadeo.
Asemblea Cidadá da Mariña-Occidente
No hay comentarios:
Publicar un comentario