Lembráballe eu aos meus alumnos o conto da galiña dos ovos de ouro, analizando o esgotamento do acuífero manchego das Táboas de Daimiel. Os agricultores sacaban máis auga da que entraba nel polas choivas, polo que cada vez tiñan que sacala de máis abaixo cun maior custo e peor calidade. A única solución ao destino fatal de quedar sen ela era poñerse de acordo e sacar todos menos auga, para teren para sempre, pero en lugar diso produciuse unha carreira por obter os maiores beneficios mentres quedara algunha.
A actual situación dos mercados financeiros paréceme semellante: canto maior é a débeda dos países e maior o interese, máis beneficios para os inversores. Estes especulan incrementando a rendibilidade das súas inversións, e a solución que propoñen os políticos, guiados polos propios mercados, é a das axudas, ou sexa, máis débeda cun maior risco de non ser devolta, e así máis intereses e máis beneficios.
A cuestión é que ese fío non se pode estirar indefinidamente, pois chegará un momento que romperá. A quebra do primeiro país pola súa incapacidade de devolver a súa débeda, cada vez maior e máis cara, incrementará a percepción do risco da débeda dos demais, subindo os seus intereses, o que levará a unha caída de pezas de dominó resultando o proceso nunha no devolución das enormes débedas, e a conseguinte caída do sistema financeiro internacional.
Sorprendíase un enviado soviético ao Reino Unido cando preguntou quén era o encargado de que cada mañá houbera pan en tódalas casas de Londres e lle dixeron que ninguén. Será certo que a man invisible do mercado é capaz de axustar demandas e ofertas mellor que calquera planificación; porén, en tempos como os actuais, nos que semella que o mercado financeiro está a suicidarse, teño medo de pensar se quen leva o temón deste mundo non será o mesmo que reparte o pan en Londres.
No hay comentarios:
Publicar un comentario