domingo, 5 de junio de 2011

Maioría absoluta

A lectura dos resultados das nosas eleccións, de calquera elección, nunca é doada. O pasado día 22 se fixeron en Ribadeo seis ou sete mil eleccións, seis ou sete mil cidadáns opinaron acerca do que pensaban mellor: quén sería o mellor alcalde, quen sería mellor que quedara fóra do concello, se sería mellor votar ou non facelo…  As razóns íntimas do voto de cada un de nosoutros poden ser, ao final, egoístas, xenerosas, comprometidas ou interesadas. O resultado foi o que foi, compendio dos traballos de uns, dos pecados dos outros, da actitude de todos filtrada polos medios, da sorte, da crise, das esperanzas no futuro.
Un resultado que non deixa lugar a dúbidas: algo menos da metade dos ribadenses que votaron aproban a xestión do actual goberno, e iso abonda para que o BNG poida gobernar por catro anos coma mellor lle pareza, dentro sempre da legalidade. É a meu entender o resultado dunha xestión pouco ideoloxizada, de moito traballo e cunha hábil estratexia de presenza nos medios, capacidades que xa o noso alcalde amosou na lexislatura do bipartito.
Esa é a virtude do Bloque ribadense, e o seu pecado. A virtude dun centrismo ideolóxico no que mesmo non se pon o acento na defensa da lingua ou do nome da Ría, na que prima o bo trato cos empresarios locais mais que as reivindicacións tradicionais da esquerda, na que non se amosan especiais movementos a prol da conservación do medio natural ou do patrimonio histórico.
Faise así unha gobernanza pragmática e intelixente tratando de avanzar á mesma velocidade da evolución da mentalidade dos veciños, sen sorpresas, sen exixencias, a modiño, facendo o que se vai podendo. Esgrimindo a crise, pouco se pode facer, pouco se fai, afórranse os cartiños, redúcese a débeda, vaise ás procesións, amagamos pero non damos, falamos con todo o mundo, un sorriso e imos cara adiante, traballando. A cousa funciona, e probablemente este goberno pode repetir unha e outra vez se segue a gobernar deste xeito.
Porén, teño para min que os políticos, como xa escribín antes, deberan ir por diante da sociedade, e espero máis da lexislatura que agora se inicia. Ao contrario que outros comentaristas da actualidade, eu vexo ben os talleres de saúde sexual, risoterapia ou calquer outro que permita saír da casa a moitas mulleres do rural, pero espero moito máis delas que o mero entretemento, gustaríame velas cunha presenza pública máis activa, presidindo por exemplo as comunidades de montes. A nova lei pola que as mulleres rurais aparecerán como empresarias ao 50% cos seus maridos pode axudar nesa linea. Falta fai.
En cultura, penso que é un auténtico luxo a programación que gozamos en Ribadeo, pero espero máis, espero o inventario, sinalización e protección do noso patrimonio arqueolóxico, ou mesmo talleres de verán das facultades de arqueoloxía. Espero manter a música pero afondar no teatro, a lectura e a literatura.
En urbanismo, espero a finalización do PXOM, pero tamén unhas normas subsidiarias que obriguen a implementar a eficiencia enerxética, e tamén campañas para promover a rehabilitación da envolvente térmica dos edificios para aforrar combustible e reducir as emisións contaminantes. Espero tamén una aposta seria para reducir a dependencia do vehículo privado, tanto na vila como nos enlaces cos concellos limítrofes, coa FEVE como estrela invitada. Espero un uso intelixente e comprometido das taxas e impostos municipais que serva para orientar o uso adecuado e sostible dos terreos e garanta a entrada de recursos  no concello. Tamén un estrito control das inversións municipais e doutras administracións no noso concello, en particular un maior control da utilidade das escolas taller e en xeral do emprego das subvencións e convenios para a finalidade axeitada.
Espero, no rural, que saian as plantacións de eucalipto das parcelas de concentración, e que eses terreos poidan incrementar a base territorial das explotacións gandeiras, que se cumpra a Lei de Incendios, que se fomente a concentración e a ordenación forestal empregando as ferramentas das novas normativas. Espero, en fin, que a aprobación da ordenanza da participación cidadá non deixe sen forza o desenvolvemento da axenda 21 Local, tan en consonancia cos recentes movementos sociais do 15M.
Espero decisión para o que sexa competencia municipal e exixencia para o que dependa doutras administracións. Espero, en definitiva, que a maioría absoluta sirva para dar un salto ao substancial, da xestión á política, da timidez a unha pedagoxía de paso firme,  que evidencie que as cousas se poden facer doutro xeito, que se pode loitar coas inercias históricas, que hai unha xeración nova que quer traballar, que manterse no goberno non é o obxectivo senón a ferramenta para un cambio hoxe mais que nunca imprescindible.

Valentía, ideas, transparencia, pedagoxía, man esquerda, confianza, participación, traballo.




No hay comentarios:

Publicar un comentario