viernes, 10 de abril de 2020

Triaxe

Fallan os datos certos, mais estamos a primeiros de abril, neses días nos que as UCIs do Estado agardaban estar no máximo de saturación. O momento máis perigoso, o que segundo as novas que chegaban de Italia os médicos, espantados, tiñan que decidir a quen se lle pon o respirador, e polo tanto quen vive e quen morre. Novas con discursos dos Países Baixos sobre unha presunta cultura diferenciada, con idade límite para ocupar esas camas limitadas, novas sobre instrucións da Generalitat de non levar ós hospitais ás persoas maiores afectadas polo Covid 19.

A decisión entre a vida e a morte, esa triaxe que din comezou a aplicar Napoleón nas súas guerras, ten forzosamente que ser a máis dura decisión para as profesionais da medicina, mais de ser certas esas novas, non parece selo tanto para algunhas profesionais da política, quizais confiadas en que cando chegue o momento sempre serán as elixidas, sempre terán cama nun deses hospitais privados para os que valorar a incidencia económica das decisións médicas forma parte do negocio.

Pero interésame neste punto determe no valor das vidas, e concretamente na falla de debate á hora de decidir que, á hora da verdade, as persoas vellas deben morrer. Nese intre crucial calquera de nós dariamos a vida pola das fillas, certo, pero máis aló diso quero chamar a atención sobre o deslexo cultural que nestas dúas xeracións fomos asumindo sobre o coidado das nosas maiores.

Quizais consecuencia da veneración que este sistema fai da tecnoloxía (da nova, da novísima tecnoloxía), ou simplemente da baixada da natalidade -a mocidade é un ben escaso- a xente nova acadou unha relevancia que nunca tivo. Afeitas ós móbiles, tablets, ordenadores, esas que onte programaban o vídeo e agora teñen a súa canle de Youtube, esas que se viven nunhas redes sociais que, como a TV, máis que ferramenta de transmisión de cultura e emocións, convirtironse nun aditivo pasatempo -no que perdemos a vida mentres a vida pasa- pasaron de ser aprendices a mestres, de extras a protagonistas, en poucos anos.

Certo, unha relevancia falsa, que as fai ocupar minutos nos medios pero non outorga estabilidade laboral, un recoñecemento baleiro, que non se traduce nun compromiso social para darlles un futuro, como aqueles premios do Feijoo ás tituladas que consistía nunha maleta coa que marchar do país. Quizáis formando todo parte dunha estratexia de márqueting, nun mercado que as ve presas moi fáciles do consumismo no que medraron, cheos de xoguetes, roupa e tecnoloxía no canto de irmáns.

E pola misma razón, as nosas maiores, desconectadas desa nova escuma da vida, desa efervescencia tecnolóxica consumista, en boa medida voluntaria e sabiamente, desde un xuizo máis fondo -o que dá o tempo vivido- do que ten ou non importancia na nosa existencia, van quedando fóra dos circuítos do consumo e da relevancia social. A súa sabedoría é vista como inútil para os tempos que corren; ritmos que superan por primeira vez na historia da humanidade a velocidade natural da vida humana obrigándonos a unha actualización tecnolóxica cada poucos anos.

A xente vella, encarnación da experiencia e do coñecemento acumulado, é hoxe vista coma unha carga inútil para esta sociedade. Unha sociedade descerebrada, que corre velozmente a ningures, envoltorios baleiros, burbullas de ar. Deixar morrer os vellos, que non pagan a pena esas vidas. Esta opción polo rápido descarte das persoas maiores é a cristalización final dunha tendencia de décadas, na que de a poucos fomos desprezando o valor do moito que aínda nos achegan e do moito que lles adebedamos.

No mundo tralo coronavirus, tamén deberemos repensar a posición das nosas maiores na familia. Como con tantas outras cousas, deberemos ser capaces de tomar perspectiva, saír deste século de excepción (o do petróleo) que estamos a rematar, analizar e decidir, con xustiza e humanidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario