martes, 27 de mayo de 2014

Do urxente e o importante ou Están crucificando a Brian!


Unha das miñas tiras prefiridas do maestro Quino, premio Principe de Asturias da comunicación deste ano, é esta reflexión sobre o urxente e o importante, que ten pasado ao acervo común:

 

Cando AGE chegou fai dous anos e medio, traíndo a novidade da superación por parte da esquerda galega do “marco” entre o nacionalismo e o non nacionalismo, o argumento para superar esa secular fronteira foi o estado de emerxencia social. Emerxencia: “Situación de perigo ou desastre que require dunha acción inmediata.”

AGE naceu para ser un instrumento nas mans da cidadanía agredida, para que entrara nas institucións e tivera voz propia nelas. Liderada por dúas forzas, unha coa lexitimidade da loita obreira de sempre e outra construída desde abaixo, ás que se sumaron xóvenes forzas ecoloxistas e radicalmente democráticas, AGE constituíu a sorpresa das eleccións autonómicas coa súa atractiva mensaxe de ruptura e renovación.

Dous anos despois, as eleccións europeas parecen dicir que AGE está a deixar pasar a onda do 15M, que non é quen de surfeala coas pesadas mochilas dalgúns, e que afortunadamente esa onda non vai quedar orfa, senón que a propia cidadanía estase a organizar ao redor dunha nova forza horizontal, Podemos, que aínda que semella non ter estrutura en Galicia ven de converterse na cuarta forza política, moi preto de nós.

Non sei como valora a cúpula de AGE a emerxencia social, que ten empeorado desde fai dous anos, pero o que semella claro é que a sociedade non pode esperar os nosos tempos arcaicos e vai seguir o seu camiño, porque a día de hoxe a xente non se decata de que estemos a traballar por e con eles: salvo casos puntuais, non o estamos a facer!

Hai unha escena da Vida de Brian na que o protagonista está a ser crucificado, e a súa noiva achégase desesperada á cúpula do Frente Popular de Xudea dicindo que cómpre ir rescatalo: a cúpula responde á petición propoñendo debater unha moción urxente sobre o asunto -ao final chegan baixo a cruz e teñen decidido que é bo ter un mártir, e adícanlle un discurso-.

Se non queremos caer na irrelevancia á que se dirixe o BNG cómpre retomar XA os nosos compromisos, facer unha asemblea xeral aberta das catro forzas, poñer en marcha as estructuras comarcais e locais e pular seriamente polo traballo das agrupacións e a súa conexión cos nosos deputados, que ao parecer son os únicos que están desexando traballar coa xente.

Unha última nota: na Vida de Brian, pouco despois do FPX chega ante a cruz o Frente Xudaico Popular, pero magoa: resulta ser o batallón de suicidio. Estamos a tempo, deixemos de ver a palla no ollo do PPSOE e escoitemos o que nos di a cidadanía a nós: máis democracia, máis comunicación, máis ser pobo co pobo, máis AGE nas rúas coa cidadanía pero tamén e sobre todo: máis rúas e cidadanía en AGE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario