domingo, 20 de abril de 2014

Na Semana Santa

Da noxo, pero até volverse as tripas, a riada mediática de Papa, procesións e persoeiros de traxe e mantilla que nos envolve nestes días. A lembranza dun que din que morreu por defender aos pobres e os maltratados e foi exemplo de renuncia e solidariedade, monopolizada por unha caterva de xente infame que está a condenar á miseria a milleiros de cidadáns, e polos que aplauden o miran para outro lado mentres sucede.


Mentres eles van de procesión e comunión, cóntanse por milleiros os que perden a casa, os que van morrer no océano, os que traballan por salarios de miseria. Aqueñes que defendeu Xesús durmen hoxe nos bancos do parque, soben nas vallas de Melilla, recollen comida entre o lixo das grandes superficies.
A resposta das nosas élides políticas fronte a súa traxedia estase a ver: tras confesar, comulgar, e darse golpes de peito na igrexa, e xurar seguir o exemplo de Xesús, mudan os bancos dos parques por cadeiras estreitas, instalan cuchillas nas vallas da fronteira e poñen multas a quen procura nos colectores.
Di o compañeiro César Pena que non comprende o modelo de sociedade "xusta" que están construíndo, e non ten culpa, porque non é comprensible. Pero é que o novo pragmatismo consiste en asimilar sen rubor a incoherencia, e tildar de inxenuo a quen a sinala.
Digo branco e negro á vez, si. E que pasa? Todos o fan, todo é teatro, todo é falsidade. E nesta tráxica farándula, eles son os reis. Meixan por nós, e din que chove. Pero é que mentres o din, o fan, e co pixo de fóra.

  

No hay comentarios:

Publicar un comentario