martes, 24 de enero de 2012

Público o privado?


Hai quen pensa que o traballador público non produce, e cando fai as contas dos traballadores do país xunta aos funcionarios cos xubilados e os curas. Para estas persoas un xardineiro municipal non produce, e os cartos do Concello investidos no seu soldo son perdidos. Porén, se ese mesmo traballo faino unha gran empresa subcontratando persoal cun soldo mísero e levando o resto a un paraíso fiscal, si é traballo produtivo.
Me sorprende que a mesma xente que clama pola rexeneración ética e a cultura do esforzo pense que os cidadáns non somos quen de traballar sen a ameaza do despido sobre as nosas cabezas. Que quen fala do compromiso máis aló das expectativas materiais, de Dios e de “facer Nación” estea convencido de que só a ambición por ter máis e máis riqueza da iniciativa privada pode facer progresar o país.
A realidade é que o feito de que alguén se embolse o noso diñeiro non garante que o servizo sexa máis eficiente e produtivo. As telecomunicacións, un día públicas e hoxe privatizadas, constitúen o sector que acumula máis denuncias en Consumo ao tempo que nos dan un dos servizos máis caros de Europa. Ou falemos da electricidade, das folgas nas empresas de recollida de lixo, da experiencia dos trens en Gran Bretaña...
Á gran empresa non lle abonda gañar máis cada ano: cada suba ten que ser maior ca do ano anterior. Se non é así os accionistas marcharán e comprarán algo que suba máis rápido (ouro, petróleo, millo, auga) ou que dea maior interese (a débeda pública de países pouco solventes!). Por iso as empresas privatizadas, trala “optimización” inicial (botando fóra persoal), necesitan subir constantemente o beneficio e para iso baixan salarios, reducen a calidade ou soben os prezos. É o sistema, non teñen outra opción.
A alternativa está en non deixarmos enganar coa bondade intrínseca das privatizacións, e recuperar para o público o terreo perdido nos últimos 30 anos. Só así poderemos xeneralizar salarios dignos e empregos estables, deixar de alimentar os paraísos fiscais, incrementar o consumo interno e xerar emprego. Esquezamos eses falsos mitos: defendamos (e esixamos tamén, por qué non) o compromiso ético do traballador público.

1 comentario:

  1. Lo púbico, de todos. Lo privado, mío. Si puedo pasar una parte de lo públio a mi privado, gano...
    Y lo peor es que no es un juego de suma cero, sino que la suma en ese cambio puede ser negativa. Algo así como la entropía que aumenta.

    ResponderEliminar