sábado, 10 de septiembre de 2016

Das catro patas da Marea

Ordenando a miña cabeza, coma sempre desordenada, pensaba hoxe que a indignación que deu pé ó 15M responde a unha serie de agresións simultáneas -consustanciais- do capitalismo global á sociedade, ás nosas distintas sensibilidades.

Por unha banda, a tendencia culturalmente homoxeneizadora que nos muda pouco a pouco os costumes, a cultura, a lingua, a dieta, o ocio, para poñelos ó servizo do consumo global, do produtor global, de xeito que sexa doado concentrar o fluxo de cartos nunhas poucas empresas produtoras. O noso espírito de pobo como unidade cultural en risco de desaparición rebélase contra esta tendencia global.


En segundo lugar, a competencia global que plantexa ese mercado, no canto de permitir a mellora das condicións de vida nos países máis pobres do planeta está desfacendo os logros que tan lentamente teceron os nosos pais e avós. As normas do comercio global, escritas pola man dos poderosos, impiden vetar a entrada de produtos que empregan traballo escravo, polo que estamos abocados, nesa competencia, a sermos todos escravos. Mesmo os logros da precaria creación de emprego que vivimos hoxe a través da devaluación de salarios durarán o que tarden os nosos competidores en asumir que deben baixar tamén os seus nesta carreira en espiral cara o desastre.

En terceiro lugar, tampouco o capital global está interesado no futuro -os homes máquina que deciden onde voan os cartos polos fíos de fibra óptica non pensan máis aló dos resultados anuais que marcarán os seus beneficios-. Tampouco a OMC permite ós estados rexeitar produtos que teñen contaminado o chan, os ríos o mar ou a atmosfera no seu proceso produtivo -ou desertizado bosques ou eliminado hábitats naturais-, polo que a carreira á devaluación das condicións de vida é tamén unha carreira cara á destrución do planeta.

A tripla ameaza contra a cultura dos pobos, a súa calidade de vida e o seu medio natural precisa para a súa aceptación pola sociedade duns medios que agochen e enganen, dun sistema que adormeza, e na última instancia dun goberno que reprima a quen levante a voz. A cuarta ameaza é polo tanto a degradación da propia democracia.

Non é polo tanto estraño que a nosa Marea inclúa no seu seo os grupos que defenden, cada un coas súas prioridades, a nosa identidade como pobo, a xustiza social, a conservación do noso medio e a calidade democrática. Son estas as catro ameazas que afrontamos, e só xuntando as nosas forzas seremos quen de facerlles fronte.

Só compartido o tempo e o camiño poderemos comprender que as catro ameazas veñen dun único inimigo, recoñecer a importancia das achegas dos outros e a necesidade de ir construíndo xuntos un relato integral que explique  de xeito claro ós nosos concidadáns a necesidade de organizar a resistencia a ese proceso homoxeneizador, inxusto, destrutivo e represor que é o sistema capitalista global.

Porque catro patas, sendo importantes, non fan unha mesa: precisamos achegar esa mensaxe á xente do común. Serán eles quen poidan -ou non- subir nelas e formar o taboeiro, a superficie sobre a que desenvolver unha sociedade diversa, xusta e sustentable. Unha democracia real.