domingo, 18 de diciembre de 2016

Alcoa e o futuro da Mariña


- Alcoa importa bauxita de Guinea Conacri e fabrica alúmina e aluminio empregando enormes cantidades de electricidade producida nas Pontes queimando carbón importado de Thailandia. É a maior consumidora de electricidade de Galicia, superando todo o consumo dos particulares.

- Emprega de xeito directo a 1200 traballadores e outros 500 traballan en empresas auxiliares, constituíndo o núcleo máis importante de emprego na Mariña e o 30% do PIB da provincia.

- O 40% dos seus custos de produción é consumo eléctrico, polo que precisa prezos baixos da enerxía. Eses prezos vanse conseguindo a través do pago por interrumpibilidade do servizo -que no caso improbable de ser preciso en puntas de demanda, Alcoa pararía a produción- que pagamos todas na nosa factura. Este outono haberá unha nova puxa dos pagos por interrumpibilidade.

- Os efectos ambientais máis rechamantes son a xeración de lodos vermellos que se acumulan nunha balsa de superficie similar á vila de Viveiro que se espera quede chea no ano 2034; emisións de sosa ó mar -segundo consta nun informe de auditoría interna filtrado ó CEPESMA- e emisións aéreas de flúor que contaminan o chan -varias sentencias impuxeron indemnizacións millonarias ós veciños. A maiores das emisións de CO2 e SO2 da central das Pontes para darlle a enerxía eléctica

- O mercado mundial do aluminio está a mudar, o consumo trasládase de Europa ós países en crecemento e a presenza de Alcoa nun lugar que nin ten bauxita nin ten carbón, cun marco ambiental restritivo, unha regulación dos custes da enerxía a nivel comunitario, xunto co feito da colmatación en 16 anos da balsa de lodos fai dubidosa cando menos a viabilidade futura da fábrica.

- De feito, tralas ameazas de eres de anos pasados, agora Alcoa quere vender as súas fábricas a fondos de investimento. Os traballadores esperan que a compre o fondo Atlas Holding porque xa comprou dúas e púxoas nas mans de xestores solventes.

- Alcoa é un exemplo de empresa ambientalmente inviable, e economicamente dependente dos cartos públicos. No actual marco normativo europeo (ambiental e de regulación da competencia) non semella que teña futuro. En todo caso, non máis aló do 2034 cando se encha a balsa de lodos.

- A importancia social e económica de Alcoa na Mariña é innegable e resulta xustificable defender os dereitos dos seus traballadores. Mesmo se pode argumentar que o prezo da enerxía en España é caro debido ó oligopolio eléctrico e enerxético -cousa que é certa- e que o sistema de fixación de prezos -puxas controladas polas mesmas empresas- é moi cuestionable.

- Pero non debemos esquecer que a enorme importancia relativa de Alcoa débese ó esmorecemento e esquecemento doutras actividades que non recibiron a atención precisa polos sucesivos gobernos, coma:
- a turística -precisamos traballar nun plan comarcal análogo o da Ribeira Sacra-
- á forestal -debemos diversificar a produción poñendo en valor a madeira para construción (intensiva en man de obra) e empregando a biomasa para calefacción, substituindo ó gasóleo e o gas por unha enerxía autóctona e xeradora de man de obra local-,
- a pesca: precisamos unha diagnose do estado do ambiente (desaparición das algas) e do recurso pesqueiro e marisqueiro no noso litoral e traballar pola súa recuperación.
- lanzar novos sectores de futuro como a eólica -e en particular a mini e microeólica- fomentando a investigación e formación e desenvolvendo a regulación local destas instalacións na nosa bisbarra.