lunes, 9 de enero de 2012

Botando os cartos no lixo

Sorprenderá saber que en tempos como o presente, cando nos din que apertar o cinto e rascar o peto, poidamos estar botando co lixo grandes cantidades de diñeiro. Nestes días nos que o recorte de prestacións sociais é unha ameaza certa, cando a nosa escola de música semella en perigo ao deixar de recibir 12.000 € da Xunta, cando soben as taxas, cando non hai prazas de gardería nin podemos manter o GRUMIR, sorprende, como digo, que esteamos a botar os nosos cartos no cubo do lixo.
E porén, iso facemos de xeito estrito, porque empregamos cada ano 250.000€ en pagar a SOGAMA polos preto de 5.000.000 de quilos de lixo que botamos no colector verde (a fracción no selectiva, a orgánica, tamén chamada bolsa negra). Pois ben, segundo os estudos realizados sobre o noso lixo, o 40% do que botamos no colector verde "da orgánica" son papeis e cartóns, vidro ou envases de plástico, metal ou brick: ou sexa, residuos que deberan ir aos seus colectores específicos (azul, verde, amarelo) cuxa recollida é gratuíta, porque xa a pagamos cando mercamos eses materiais.
Iso quere dicir que cada ano 100.000€ deses 250.000 poderían quedar nas arcas do Concello para afrontar outros custos sen dúbida máis interesantes que a comodidade de non separar o lixo. Diñeiro abondo para cubrir os custos da escola de música, ou a xestión de outros residuos non cubertos polos sistemas de recollida selectiva, ou mellorar infraestruturas municipais, ou facer máis actividades para o tempo de lecer para cativos e maiores, atender eses recunchos que necesitan máis limpeza, desbroces ou pequenas melloras...
Lembremos ademais que unha vez separados, estes residuos abandonan o camiño ao vertedoiro para seren transformados noutros obxectos, aforrando ademais enerxía na súa fabricación.
En definitiva, estamos a falar do medio ambiente, pero tamén sen dúbida de moito diñeiro. Cómpre facer un esforzo entre todos na separación dos nosos residuos, aínda que sexa só para frear esa sangría de cartos aos que calquera de nos pode imaxinar outro destino máis interesante que o cubo do lixo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario