domingo, 25 de diciembre de 2011

Gonípteros

O 70% da nosa comarca é terreo forestal, maioritariamente (moi maioritariamente) plantado de eucalipto. Tan enorme monocultivo é lóxicamente o paraíso para calquera organismo que se alimente del. Agora temos o goníptero, que na súa etapa larvaria aliméntase das follas, secando as árbores e levando a tan importante actividade económica a unha grave crise.

Temos un refrán que di que non é bo poñer todos os ovos na mesma cesta, pero neste tema non lle estamos a facer caso: non contentos con termos todo o monte plantado coa mesma especie, metemos o eucalipto nas parcelas de concentración, onde a rendibilidade a racionalidade e mesmo a legalidade están en contra.

A enorme inversión pública feita cos cartos de todos para acadar explotacións viables non pode terminar na xeneralización dunha práctica ilegal consentida por unha administración que mira cara a outro lado esquecendo a súa obriga de vixilancia. Estas parcelas constitúen a base territorial que precisan as explotacións agrícolas ou gandeiras da Mariña para non depender de recursos externos cada día máis caros, e non deben transformarse nunha vía de saída dos capitais ecolóxicos do noso rural cara as cidades ou vilas nas que vivan, hoxe ou mañá, uns propietarios absentistas.

A proliferación do eucalipto beneficia particularmente quen compra a súa madeira a prezos baixos, deixando atrás solos esquilmados, nula biodiversidade, regos secos e elevados riscos de lume. Económicamente, se restamos ao seu rendemento os cartos das subvencións, os investidos na prevención de lumes, ou os que se poidan achegar para loitar contra as pragas, probablemente as contas non darían unha elevada rendibilidade económica significativa para o global da sociedade.

Pronto a crise vainos demostrar a importancia de contar cun rural vivo, de recuperar a produción agrícola e gandeira que tivemos fai décadas, diversa e ecolóxicamente sostible. Mentres chega ese momento, seguen florecer as plantacións ilegais por todas partes. Non ven, non queren ver ou quizáis é que pensan que de ser preciso, podemos facer como o goniptero e acabar comendo tamén nós a folla do eucalipto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario