sábado, 26 de abril de 2014

Unha Europa contra a precarización

A reforma laboral do PP está a conseguir os seus obxectivos, que non son outros que pasar do “recién licenciado traballa gratis pola experiencia” ao “titulado con experiencia faría o teu traballo pola metade do que ti cobras”. Dese xeito, mentres as cifras de paro non medran, e mesmo poden ir baixando lentamente, a precarización avanza de abaixo a arriba e de Sur a Norte en Europa.
Faino axudada polos empresarios miopes que non acaban de entender que os seus empregados e os seus clientes somos as mesmas persoas, que pulan para baixar salarios e capacidade de compra, e os que non poden competir con eles e se ven obrigados a pechar ou seguir o seu exemplo.
Pode haber entre nos quen pensen que ao non medrar o paro e conservar eles o seu emprego están xa a salvo, escoiten o descurso preelectoral da recuperación e mesmo volvan a consumir máis, pero o previsible é que a transformación cara á precariedade continúe: novas empresas xurdirán con traballadores en versión chinesa e irán reemprazando a aquelas que non se precaricen elas mesmas.
A modificación das regras da negociación colectiva, que obriga a elixir entre negociar á baixa e a extinción dos convenios sectoriais, impedirá xogar o seu papel aos sindicatos, de xeito que só na rúa e a través de folgas se poderá loitar contra a precarización. Por iso o PP está a aprobar a lei de seguridade cidadá: para evitar que saiamos e, no seu caso, recadar tamén con multas a quen protesta.
A rebaixa dos salarios, e con eles das cotizacións á seguridade social, auguran unha vellez de pobreza para nós, pero a maiores e no curto prazo, tamén a incapacidade de afrontar o Estado os custos das pensións dos nosos pais, que non poderán ser pagadas coas cotizacións de traballadores precarios: deberán ser rebaixadas unha e outra vez “para garantir a viabilidade do sistema”.
O que se aplica en España e no resto dos países do Sur de Europa é o programa económico do Partido Popular Europeo, aplicado tamén polos socialistas "coa nariz tapada": como no refrán “cando as barbas do teu veciño vexas cortar” xa estan hoxe os socialistas franceses a aplicar as reformas de Zapatero. A marea sobe xa por riba dos Pirineos, e seguirá até chegar ao Norte, sempre competindo uns traballadores con outros a ver quen resiste as maiores cotas de precariedade.
Ao falar das medidas que eles mesmos impoñen á cidadanía, PP e o PSOE unhas veces din que son o único camíño, e outras que veñen impostas desde Bruxelas. O que calan é que son eles quen as defenden aló, como cando rexeitan as medidas do goberno do Estado mentres votan en Madrid a prol delas. Non abonda dicir que non nos gustan, non é defensa dicir que o facemos obrigados: hai que levar a Bruxelas un proxecto alternativo que eles non procuran nin defenden, nin acó nin aló.
Tampouco a abstención nos vai salvar das medidas da Troika: pechar os ollos e ficar quietos e quedos non evitará que as leis e acordos internacionais muden a peor. Hai que loitar para deter a transferencia constante dos nosos petos aos das élides políticas, empresariais e financeiras, aquí e en Bruxelas. Non abonda que a esquerda real mellore os seus resultados, é preciso gañar Europa. E cómpre xa: non podemos esperar catro anos máis, precisamos xa dun Parlamento Europeo cunha maioría a prol da cidadanía e disposto a defendernos fronte ao poder financeiro e das trasnacionais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario