sábado, 6 de agosto de 2016

Primarias abertas

O pasado 30 de xullo a viaxe cara a creación dunha grande forza "abaixo e á esquerda" en Galicia deu un paso de xigante. Os documentos aprobados supoñen a creación dunha potente ferramenta -"partido instrumental"- na que todas as persoas que queiramos teremos a posibilidade de participar. Abonda con asinar o manifesto -que basicamente contén os consensos do 15M sobre políticas sociais e ambientais, de economía social e solidaria, de soberanía real nas mans da cidadanía, de defensa dos servizos e dereitos de todos- e xa estamos no allo.

Estamos á espera do xeito en que Podemos se integra con nós -se non é dista será na seguinte-, pero semella obvio que as forzas tradicionais de esquerda galega e máis o ecosocialismo representado por Espazo Equo, que vai tinguindo todo o proxecto coa forza dos argumentos e o traballo sólido de moita xente, están a consolidar finalmente os alicerces do Novo Proxecto Común tantas veces demandado.

Adscrición individual, coordinadora aberta e elixida por sufraxio universal, mecanismos transparentes e fomento da participación real da cidadanía, asumidos desde un liderado lexítimo e recoñecible dos proxectos municipalistas levarán co tempo á desaparición dos tics corporativos e partidarios que aínda circulan neste momento de creación das pre-listas abertas, xa sen forza determinante pero aínda con capacidade condicionante e limitadora.

Pola miña parte tería preferido o modelo de primarias desenvolvido por Equo (pioneiro neste eido) moito mellor que o elixido, semellante ó de Podemos. Daquela, para candidatarse por Equo abondaba con mandar unha foto, un perfil e a túa visión do proxecto e motivación. Nestas primarias votaremos por nomes que na súa maior parte non coñecemos, nomes decididos polos propios partidos e mareas, que poderemos ordear cos nosos votos, ficando os máis votados na lista definitiva.

Algo é algo, un pasiño máis foi dado, pero nas vindeiras eleccións proporé e defenderé o modelo Equo no foro que sexa creado ó efecto. Candidatos individuais e desordeados, no canto de listas (abertas, iso si) preconfiguradas polos partidos.

Salvo por esta eiva, teño que felicitar polo traballo os responsables, e aproveito para sinalar que se pensas que poderías votar pola Marea, sería ben que entraras na web http://mareaconstituinte.gal/primarias/ e seguiras os pasos para participar tamén nas súas primarias antes do vindeiro día 13. Se ves nas listas alguén que coñeces e queres apoiar como candidata (por exemplo, algunha de nós DDD) pode necesitar do teu aval, e do teu voto, para ter posibilidades de estar na lista definitiva pola provincia.

Tras anos queixándonos de non poder elixir máis que unha entre varias listas pechadas, temos agora a oportunidade de participar no deseño dunha desas listas - a de En Marea- a través das súas primarias, e mesmo de facer a nosa propia candidatura. Participar é a mellor forma de pedir que se abran novas vías de participación. Anímovos a facelo. Forza a todas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario