domingo, 1 de mayo de 2016

Por que non ó hotel na Illa Pancha?

Vai para un ano que a maioría dos ribadenses soubemos que existía un proxecto para converter o edificio vello do faro da Illa Pancha nun pequeno hotel de luxo, con dous apartamentos de a 150€/noite. Sería o primeiro de España, e o alcalde amosaba a súa ledicia e opinaba que viña ser un premio pola contención demostrada polo Concello de Ribadeo no coidado do noso litoral.

Sorprendidos primeiro polo feito de que un proxecto como ese estivese concedido sen que ninguén na vila o soubera, un grupo de veciños comezamos a preguntar sobre os detalles do mesmo. Cómpre dicir que a Illa Pancha é unha parte moi representativa do espazo natural protexido da Ría de Ribadeo, e polo tanto os usos na mesma están moi limitados.

Así coñecemos que se trataba dunha concesión de Portos do Estado, ó abeiro dunha decisión do Consello de Ministros para sacar rendementos económicos ó patrimonio do Estado a través de concesións para hoteis das antigas vivendas dos fareiros -segundo a Voz de Galicia esta concesión suporía a Portos uns ingresos de 18110€ anuais-. Puxémonos en contacto co técnico responsable da concesión, en Ferrol, e ante a nosa sorpresa, non coñecía que o faro de Ribadeo estaba dentro dun espazo protexido. En todo caso, dado que segundo dixo, o proxecto consistía nunha reforma interior do edificio para habilitar dous apartamentos, o impacto ambiental non sería significativo.

Reflexionando sobre o tema, caemos na conta que a) un hotel de luxo precisa servizos como aparcadoiros, alumeado, cafetería, etc.; b) que a illa leva décadas pechada por razóns de seguridade, polo que a apertura dun hotel dentro da mesma obrigará a facer obras para garantir a seguridade dos clientes; e c) que sendo a illa Pancha o destino do máis típico paseo dos ribadenses e visita obrigada dos turistas que por Ribadeo pasan, a súa apertura ó público levará un enorme risco de degradación da súa calidade ambiental. Todo iso levounos a situarnos en contra da apertura do hotel.

Xa este ano, cando o promotor presentou o proxecto no Concello, a cousa resultou ser aínda peor: a maiores do hotel e a "mera reforma interior do antigo faro", aparece unha cafetería sobre o aparcadoiro subterráneo existente entre os dous faros, e tamén se solicita permiso para instalar unha carpa ó seu carón. E polo que respecta ás nosas sospeitas: alumeado nocturno, papeleiras, profusión de carteis con avisos de perigo e instrucións de bo comportamento, obras de acondicionamento e protección nos puntos de perigo, aparcadoiro na illa para tres vehículos, e axardinamento de 500 m2 ó redor do hotel. É dicir, a absoluta transformación dun espazo natural protexido.

Permitídeme a broma! Sucede que aínda que libramos da invasión das inmobiliarias que tanto dano fixeron nos concellos veciños de Foz e Barreiros -grazas ó intelixente comportamento do Concello de Ribadeo-, se algo hai que nós xa coñecemos é o efecto da aglomeración turística sobre os espazos naturais máis rechamantes da nosa costa.

O mesmo ano -2015- no que as nosas autoridades se poñen de acordo para abrir a Illa Pancha ó acceso público e á explotación privada, as mesmas autoridades acordan restrinxir o acceso á praia das Augas Santas polos efectos da sobre-presión turística sobre un espazo protexido. Ninguén hoxe daría permiso para poñer un restaurante nas Catedrais, nin para axardinar a contorna, acabamos de sacar os aseos de aló porque se enchían en nada as fosas e o paso das cisternas desfacía toda a contorna, a vexetación natural e máis o solo están desaparecidos da cabeceira dos cantís en toda a ruta entre Esteiro e Augas Santas, as papeleiras voan co vento e enchen de lixo os toxos e a breixeira protexida, os plásticos rematan no mar...

Por que, entón, agora que coñecemos por experiencia o dano que a invasión das persoas fai sobre o medio natural, imos volver a ameazar un novo espazo natural protexido? É preciso matar a illa Pancha para salvar o seu histórico faro? É preciso matar á Pancha para crear 2 empregos cun novo hotel de dúas habitacións en Ribadeo? Non hai no concello edificios históricos singulares máis axeitados para facer un hotel con todas as garantías de seguridade e de servizos? Que miopía nos impide anticiparnos o futuro?

Reflexionemos, démonos tempo, solicitemos todos os permisos legais, tamén os das autoridades ambientais -que nestes casos adoitan poñerse de perfil no canto de actuar de oficio-. Todo, antes de dar luz verde apresuradamente a un proxecto que nada ten que ver co respecto ós principios de sustentabilidade que tanto nos gabamos de defender. Nin Bandeira Azul, nin Reserva da Biosfera, nin  Sistema de Xestión Ambiental, nin Axenda XXI Local. Estas son as decisións nas que o compromiso ambiental de Ribadeo debe quedar patente. Non valen escusas.

1 comentario:

  1. Antonio,xa sabemos que detrás dunha inofensiva concesion,Hai Unha morea de cousas,que,de sai adiante suporian a ocupación total da Illa,eso sí,sin poder entrar a xente Ainda que Eo prometió públicamente en estas páginas, que accedería por mar,no meu bote,que Isto non o poden impedir.E Fixate que imos 50 embarcaciones,con cuatro persoas cada Unha e abordamos o Faro..xa sabes que o acceso a costa dende o mar non e legal impedirla e delito.Tes toda a razón,e cada vez,vas afinando más e vendo cousas que antes non veías.Seguimos camiño,Unha aperta

    ResponderEliminar